parlamento galego

BNG reclama á Xunta que incremente o apoio económico ás federacións deportivas e ás e aos autónomos do deporte

Daniel Castro
Daniel Castro
Daniel Castro pide máis e mellores axudas directas para o ámbito deportivo que, ao igual ca outros sectores, precisan delas fronte á pandemia

BNG advertiu no Parlamento galego á Xunta que no actual contexto de pandemia igualar co ano pasado o importe dos convenios asinados coas federacións deportivas “non chega, senón que é preciso realizar un gasto extraordinario” ante a enorme dificultade que pasaron e segue a pasar o deporte federado do país a consecuencia dos efectos derivados da COVID19.

Así o reclamou o portavoz nacionalista de Deportes, Daniel Castro, logo da comparecencia na Cámara do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, a quen lle reprochou actitudes de triunfalismo, cando os fondos do Executivo galego destinados ao ámbito deportivo federado simplemente igualan os do exercicio anterior, “e seguen a ser inferiores aos doutros gobernos”, pese ao parón obrigada da práctica deportiva que implicou “grandísimas perdas económicas, desaparicións de clubs e peches de ximnasios e outras instalacións de servizos deportivos”.

Neste sentido, Castro reclamou ao Goberno de Feixóo plans de viabilidade ou de saneamento para aquelas federacións deportivas que non se atopan nunha situación económica moi esperanzadora, ao tempo que considerou imprescindible que tamén “se aumente o apoio económico ás e aos autónomos do deporte e as empresas relacionadas co mesmo”.

O deputado do BNG considerou, ao igual ca Plataforma Galega pola Defensa da Educación Física e o Deporte, insuficientes as convocatorias de axudas “sobre todo para aqueles e aquela autónomas, empresas e entidades deportivas dedicadas aos servizos deportivos e xestión de instalacións, que advirten que están sendo sometidas a múltiples restricións e que xa sufriron varios períodos de peche das súas actividades”, subliñou, para engadir a continuación que, ademais, estas axudas “deixan fóra a boa parte da realidade das instalacións deportivas”.

“Os problemas de moitas entidades e empresas relacionadas co deporte seguen latentes a día de hoxe e, polo tanto, ao igual que moitos outros sectores seguen a precisar máis e mellores axudas directas”, engadiu.

Daniel Castro tamén afeou que, pese á súa recente condena por prevaricación e fraude, o presidente da Federación Galega de Fútbol e ex alto cargo do PP, Rafael Louzán, siga á fronte desta federación “xestionando diñeiro público e tomando decisións sobre temas relacionados co motivo da súa condena”. Así pois, demandou da Secretaría Xeral para o Deporte unha “reprobación” e a “condena” deste tipo de comportamentos para poñer claramente de manifesto que “dende a mesma non se aproban estas prácticas”.      
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG