O BNG reclama á Xunta a dotación inmediata de máis medios ante a acumulación de incendios simultáneos ao longo do País

Noa Presas, portavoz de Economía
Noa Presas, portavoz de Economía

Pedirá unha investigación sobre o cumprimento de ADIF das súas obrigas de limpeza dos perímetros das vías ferroviarias logo do lume en Boborás 

A deputada nacionalista Noa Presas expresa a preocupación do Bloque pola acumulación de incendios das últimas horas que, segundo a propia información da Xunta, suman xa máis de 6.000 hectáreas ardidas, unha grave situación que, segundo recalca, esixe ao Goberno galego “actuar con responsabilidade e con inmediatez”.

“Solicitamos unha vez máis da Xunta que active máis medios para a prevención, máis medios para a prevención, máis medios para a vixilancia e máis medios para a extinción pois cada vez estamos vendo máis focos ao mesmo tempo e o que é clave é a rápida intervención xa que se trata de lumes de nova xeración que son moi explosivos”, reclama.

Presas insiste na advertencia que leva facendo o Bloque ante un mes de agosto “moi complicado”, cunha seca grave “que xa está supoñendo restricións ao consumo”, sen previsións de choiva e con temperaturas “de absoluto récord”.

Neste sentido, cómpre lembrar que o BNG xa ten denunciado que o Executivo do PP non tiña os deberes feitos en materia de prevención e de extinción de incendios, cos convenios cos concellos sen aprobar ata finais de xuño, o que implica que os traballos de roza e a constitución de brigadas, por exemplo, non podían estar operativos ata entrado o mes de agosto.

Logo de transmitir a solidariedade do BNG á veciñanza afectada en concellos como Laza, O Irixo, O Carballiño, Boborás, Boiro, As Pontes, entre outros, a deputada nacionalista tamén avanza que, ante as últimas informacións aparecidas nos medios de comunicación que apuntan a que o incendio de Boborás podería terse orixinado polos chispazos da vía do tren, “exixiremos cando todo isto se calme unha investigación sobre se ADIF está cumprindo ou non coas súas obrigas de limpeza nos perímetros das vías”. “Como Administración dende logo hai unha responsabilidade aí que hai que fiscalizar”, conclúe.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG