Parlamento Galego

O BNG reclama á Xunta que adiante o pago das axudas da PAC e axilice xa as do fondo COVID para as explotacións gandeiras

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira acusa ao Goberno galego de xogar politicamente coas axudas e esixe certeza e seguridade para a xente do agro

O BNG reclama ao Goberno galego que anticipe o pagamento do primeiro tramo das axudas da Política Agrícola Común (PAC) -que habitualmente son abonadas en decembro cando en Andalucía ou Castela-A Mancha xa se perciben en outubro- e que axilice a tramitación do fondo europeo COVID de 24 millóns destinado ás explotacións gandeiras de carne para paliar o impacto da pandemia no sector pola caída de prezos.

A deputada Carme Aira criticou ante a Comisión de Agricultura do Parlamento galego que Galiza se sitúe entre as comunidades do Estado que máis tardan en pagar as axudas da PAC, “tanto as directas como as asociadas”, e neste sentido acusou ao Goberno galego de “xogar politicamente” con estes fondos ao xestionar solicitudes e pagos en función de se é ano electoral ou non, por citar un exemplo.

Aira reprochou á Xunta os anuncios que foi realizando sobre a tramitación axilizada das axudas xa existentes para o agro galego e as extraordinarias habilitadas por mor dos efectos da COVID19 como os 24 millóns para as explotacións gandeiras de carne que, segundo cifrou, “deixa fóra a máis de 10.000 explotacións que non chegan a 10 vacas nutrices”.

A deputada nacionalista esixiu “certidume e seguridade para a xente do agro”, logo de afear á Consellería do Medio Rural que aínda agora estea decidindo “se articular un plan de continxencia para o caso de afectación COVID nunha granxa familiar”; “nove meses despois”, subliñou.

De igual xeito, tamén criticou a concentración das oficinas agrarias comarcais que, ao seu xuízo, “dificulta a axilidade na tramitación destas e outras axudas” e, nesta liña, avanzou que o BNG vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria para coñecer con exactitude o estado real das oficinas e das delegacións territoriais do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) e sobre o número e cualificación do seu cadro de persoal para a tramitación e xestión destes fondos.

“Pero isto -concluíu- non é a única causa; a verdadeira causa desta situación é a falta de vontade do Goberno galego de pular polo agro e de facer valer as diversas industrias agrarias para manter vivo o interior das provincias, nomeadamente Lugo e Ourense, e fixar poboación”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG