congreso

BNG reclama unha variante exterior da vía férrea en Parga que devolva a unidade á vila

Néstor Rego en Parga
Néstor Rego en Parga
Néstor Rego exixe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a retirada do proxecto proposto para o soterramento dos pasos a nivel que mantén a vía atravesando o centro da vila e que se atendan as demandas da veciñanza para o deseño dun trazado alternativo rodeando Parga. 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra na cámara baixa iniciativas reclamando a ADIF que desbote o proxecto no que propón o soterramento dos tres pasos a nivel no núcleo de Parga, Concello de Guitiriz, para que desde o Ministerio se aborde a redacción dun novo proxecto para construír unha variante exterior. A proposta da formación nacionalista recolle as demandas dos veciños e veciñas e conseguiría sacar o tren do centro da vila e, polo tanto, melloraría a calidade de vida e o desenvolvemento económico.

O proxecto que eliminaría os tres pasos a nivel do centro urbano de Parga non convence nin á veciñanza, nin ao equipo de Goberno, nin á formación nacionalista. O deputado do BNG visitou  Parga, situada no Concello lucense de Guitiriz, para escoitar á veciñanza e as súas demandas sobre o proxecto de soterramento dos tres pasos a nivel que atravesan o centro da vila. Desde 1875 esta poboación tivo que sufrir as molestias que causa e, sobre todo, o perigo de accidentes tanto para os vehículos como para as e os peóns que deben atravesar diariamente para cruzar dun lado a outro do centro urbano.

“Co proxecto que formula ADIF, a división de Parga veríase acentuada xa que propón a construción dunha vía subterránea, para vehículos e peóns, á altura do paso central e a substitución dos outros dous pasos a nivel por pasos peonís tamén inferiores, construíndo un muro para impedir o acceso ás vías na superficie” explica Rego.

A solución proposta non só “dificultaría ou impediría totalmente a comunicación entre ambas as partes de Parga”, senón que tamén “afectaría directamente a unha das súas principais fontes de ingresos e de dinamización económica”, as dúas feiras mensuais, que serían moi difíciles de manter co proxecto previsto.

“É necesario eliminar os pasos a nivel, pero non a calquera prezo, debe desenvolverse un proxecto que permita garantir a seguridade viaria en Parga, pero non pode sacrificarse o futuro desta localidade para conseguilo” enfatiza Rego. Neste sentido, a proposta dos veciños e veciñas, que tamén é defendida polo BNG, é a “construción dunha variante para sacar a vía férrea do centro de Parga. Sería necesario modificar o trazado da Ponte da Retorta por pola parte norte de Parga e conectar de novo coa vía actual en  Recemil”.

Esta opción non só conseguiría evitar a división do núcleo en dous, senón que liberaría os terreos ocupados pola vía no centro que poderían ser destinados a usos públicos, o que serviría para a mellora da calidade de vida e como revulsivo económico de Parga.

Recentemente, desde a iniciativa ´Parga non se vende`, presentaron outra proposta de variante, elaborada polo equipo de infraestruturas da Universidade de Santiago de Compostela do campus de Lugo, outra alternativa que lograría o obxectivo de non dividir en dous Parga. “A veciñanza quere que o tren siga pasando polo concello, Guitiriz debe ter unha liña ferroviaria útil e proveitosa, que permita a conexión de persoas e empresas e, para iso, é necesario un trazado adaptado ás necesidades do século  XXI, que axude ao desenvolvemento económico de Guitiriz e de toda a comarca” reivindica Néstor Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG