Congreso

BNG reclama soberanía para a Galiza frente á Constitución española

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado nacionalista Néstor Rego anuncia que non vai participar en ningún dos actos protocolarios programados polo Congreso por considerar que a Constitución non permite a solución aos problemas do noso País, consagra unha monarquía anacrónica e corrupta, limita dereitos democráticos esenciais e nega a existencia de nacións como a Galiza e a súa capacidade para decidir de maneira soberana.

O Bloque Nacionalista Galego declina participar en calquera dos actos previstos para conmemorar o 'Día da Constitución' como forma de manifestar o rexeitamento dunha norma en que asenta o chamado 'Réxime de 78' que, cada vez de maneira máis clara, se vén caracterizando polo seu carácter escasamente democrático e corrupto. O BNG considera fracasado o actual marco constitucional, marcado pola corrupción da monarquía e das elites políticas e económicas e que actúa como corsé que lastra o futuro do noso país.

Nesa liña, o deputado nacionalista, Néstor Rego, anunciou que non participará en ningún dos dous actos previstos polo Congreso, o 'izado da bandeira' e o 'acto conmemorativo'. Rego salientou que o texto constitucional é esgrimido sistematicamente para coartar dereitos e liberdades públicas e, moi especialmente para negar dereitos colectivos fundamentais como o dereito de autodetermianción das nacións que fan parte do Estado español.

“Galiza precisa de ter capacidade de decidir por si propia de maneira soberana como única forma de poder desenvolverse plenamente do punto de vista social, económico, político e cultural para podere mellorar a calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas. Mais a Constitución nega rotundamente esa posibilidade e condena o noso País á dependencia e á marxinación permanente”, afirmou Néstor Rego, que defendeu que “é precisa a ruptura co réxime constitucional español para avanzar en democracia e benestar”.

O BNG destaca que o problema é a dependencia política estabelecida por unha Constitución que propicia un deseño centralista. “Está demostrado, canto máis centralismo, máis desigualdade. Frente a iso, a resposta é confiar nas nosas propias forzas, confiar no BNG”, recalcou Néstor Rego, tras advertir que a solución aos problemas do país non vai vir desde Madrid, “senón que hai que construíla aquí, con confianza e apostando por un novo status de nación que nos dea soberanía e todas as ferramentas necesarias para mellorar a vida das persoas e facer que Galiza avance”.

Rego enfatizou que é precisamente a Constitución española a que consagra unha monarquía anacrónica, antidemocrática e corrupta, rexeitada hoxe pola maioría do pobo galego e da cidadanía democrática do Estado. “É incompatíbel cun sistema verdadeiramente democrático unha Xefatura do Estado hereditaria e vitalicia, en vez de ser elixida democraticamente pola cidadanía. Aliás, no caso español, designada directamente polo ditador Francisco Franco”, subliñou Rego.

O deputado nacionalista salientou que precisamente no momento en que está sendo cuestionada a institución monárquica, Felipe de Borbón asume máis claramente posicións concomitantes coa ultradereita e o ultraespañolismo. E puxo como exemplo o discurso de 3 de outubro de 2017 ou o silencio cómplice diante da carta que lle remitiron recentemente militares golpistas, que defenden mesmo “fusilar 26 millóns”. “Xa se sabe que quen cala, outorga, e o silencio do Borbón só pode ser interpretado como coincidencia política e ideolóxica cos proxectos antidemocráticos e golpistas destes militares reaccionarios. Se non for así, el sería o primeiro interesado en saír publicamente a desmarcarse”, asegurou Rego.

O deputado nacionalista sinalou que como consecuencia da inutilidade da Constitución para garantir dereitos reais e benestar, o marco constitucional está nunha crise a cada día máis evidente. “Non se pode ocultar a crise de lexitimidade do réxime e a profunda involución democrática -salientou Rego que considera que a Constitucion non serve para dar solución aos problemas do noso País, “ao desemprego, á precariedade, á mocidade que ten que emigrar, noni está a blindar os dereitos sociais básicos. É a Constitución duns poucos, que asegura os privilexios das elites. A única solución para desbloquear a solución aos nosos problemas é termos soberanía” sinalou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG