O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa da mobilización convocada polo colectivo de persoas xubiladas da CIG para reclamar a revalorización das pensións conforme ao IPC real (interanual) e denunciar a perda continuada de poder adquisitivo que sofren as persoas pensionistas, sobre todo na Galiza onde as pensións medias están por debaixo da media do Estado.
Rego advirte que “coa revalorización das pensións conforme ao IPC medio seguimos sen recuperar o poder adquisitivo perdido, acumulando xa unha perda de 0,7%”, unha situación que afecta de maneira especial á Galiza. “As persoas xubiladas e pensionistas galegas perciben unhas das pensións máis baixas do Estado, cunha diferenza de preto de 200 euros mensuais respecto da pensión media estatal, e no caso das mulleres esta fenda supera os 400 euros” subliña.
O deputado nacionalista alerta tamén de que, se a inflación continúa aumentando, “esta perda pode verse aínda máis agravada, reducindo cada ano a capacidade de gasto e empeorando as condicións de vida das persoas pensionistas” polo que considera imprescindíbel un cambio de rumbo nas políticas do Goberno do Estado.
Neste contexto, Néstor Rego lembra que no Acordo de Investidura do BNG existe un compromiso explícito para garantir a actualización das pensións conforme ao IPC como vía para asegurar o mantemento do poder adquisitivo, así como para incrementar as pensións mínimas e non contributivas por riba da revalorización das pensións contributivas, até alcanzar 60% do salario medio, como recolle a Carta Social Europea. “Este é un acordo político que o Goberno debe cumprir, non unha declaración de intencións” afirma.
Así mesmo, o BNG defende a derrogación das reformas das pensións, comezando pola de 2011 que “atacan o sistema público e empeoran tanto o acceso como as contías. O BNG demanda ao Goberno do Estado un sistema público de pensións forte, suficiente e digno, que garanta unhas condicións de vida xustas para o conxunto das galegas e galegos” sentenza Rego.