A portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG no Parlamento, Noa Presas, defendeu no Pleno unha moción para reclamar á Xunta a recuperación para a xestión pública dos centros de crise 24 horas para vítimas da violencia machista, que o PP adxudicou por 7,5 millóns de euros ás súas “empresas amigas” Eulen e OHL.
“Podían reforzar o sistema público pero decidiron montar centros privados e montar eses centros dentro de instalacións públicas”, reprobou Presas, que denunciou eivas no funcionamento destes centros, como falta de persoal para a atención presencial das usuarias ou problemas na coordinación cos demais axentes da loita contra a violencia machista. “Non se está cumprindo aquilo ao que obriga a lei”, advertiu.
A deputada nacionalista acusou o Goberno de Rueda de “estar facendo todo o posible para que este recurso non funcione”. “Primeiro, privatizándoo; segundo, planificando mal; e terceiro, precarizándoo por oposición ideolóxica”, explicou, para afearlle o PP “cada vez máis escorado á extrema dereita” a súa pretensión de sacar á violencia sexual do centro do debate social.
É por iso que o BNG, a través da súa moción, demandou á Xunta que, agora que acaba o primeiro ano de funcionamento dos centros de crise 24 horas e de cara ao remate da concesión vixente, elabore unha proposta de internalización do servizo no sistema público de saúde e política social para o ano 2026. Presas instou ademais o Executivo do PP a garantir a prestación do servizo con cadros de persoal suficientes.
“Contra a violencia machista, máis recursos e servizos públicos”, subliñou a deputada, que presentou a moción logo de negarse a Consellería de Política Social a aportar os datos que permitan fiscalizar á oposición “que está pasando nestes centros”. Datos, apuntou, que tamén lle foron solicitados por medios de comunicación e colectivos de mulleres, pero que o PP, que votou en contra da iniciativa nacionalista, insiste en ocultar.
Presas preguntouse que oculta o Partido Popular para agochar información concreta, como o número de persoas atendidas polo servizo, a cifra de vítimas de violencia sexual e de vítimas menores, a cantidade de horas prestadas efectivas de atención psicolóxica, social ou xurídica ou as actividades de sensibilización rexistradas ou derivacións a outros recursos.
Para dar unha idea da dimensión da violencia sexual contra as mulleres e da escaseza de medios, a portavoz de Feminismo do BNG comezou a súa intervención lembrando que o pasado ano houbo en Galiza un total de 880 delitos coñecidos contra a liberdade sexual, e que a propia Xunta recolle nos seus informes que os programas específicos atenderon en torno ás 130 vítimas. “Sería un 15 % das vítimas que houbo no 2024”, precisou.
Destacou ademais que só se denuncian un 20 % das agresións sexuais, polo que en Galiza estas poderían chegar ás 4.400. “É evidente que precisamos máis recursos que cheguen a máis vítimas e que precisamos revisar o funcionamento dos recursos que hai para ver se funcionan”, recalcou.