BNG reclama a recuperación da memoria histórica no aeroporto Rosalía de Castro en lembranza das presas da ditadura

Néstor Rego
Néstor Rego

“O Goberno debería dar exemplo e dar cumprimento á legalidade vixente e atender as peticións recibidas para incorporar toda a historia sobre a construción das instalacións, accións entre a que se incluía a colocación dunha placa conmemorativa e que aínda non foi atendida” reivindica Rego

Sanmartín reitera a necesidade de que se convoque a Comisión Especial de Memoria Histórica no Concello de Santiago para retirar a extensa simboloxía franquista e dar cumprimento á lei

O deputado do BNG, Néstor Rego, após a resposta do Goberno do Estado ante preguntas rexistradas para a recuperación da memoria histórica no aeroporto de Santiago de Compostela Rosalía de Castro, reclama cumprir coa lei de memoria histórica e sacar á luz o pasado das instalacións, dando a coñecer o traballo forzado de persoas presas da Ditadura franquista, a comezar, tal e como reclamaban distintas organizacións, pola colocación inmediata dunha placa conmemorativa en lembranza dos presos políticos que participaron na construción da infraestrutura. A organización nacionalista lembra que se aprobou mesmo unha moción no pleno municipal, iniciativa do BNG, a raíz das peticións recibidas por diversas asociación memorialistas e demandan o seu cumprimento.

A frente nacionalista rexistraba a finais de febreiro preguntas para a súa resposta escrita por parte do Goberno do Estado para coñecer as actuacións que se realizaron ou se realizarán para dar cumprimento á petición emanada das asociacións memorialistas como a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).

Entre as súas demandas, por unha banda, era incorporar dentro da páxina web a historia das instalacións- construídas tras a Guerra Civil- e destacar que a súa ampliación se fixo debido ao traballo forzado de presos políticos destinados a un campo de concentración polo réxime franquista.

“Por outra banda, as asociacións memorialistas tamén solicitaban a colocación dunha placa conmemorativa en recoñecemento da memoria histórica e en lembranza dos presos políticos que participaron a construción do aeroporto” lembra o deputado nacionalista. Rego destaca que a ampliación acolleu entre 2.000 e 3.000 presos que “foron obrigados a participar nas obras constituíndo un dos nove campos de concentración que o franquismo instalou na Galiza após a Guerra Civil”.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, lembrou que en novembro de 2021 xa instou o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo a realizar as xestións necesarias para a instalación da placa en lembranza de presos políticos participaron na construción do aeroporto de Lavacolla, unha proposta que xa fora demandada noutra iniciativa en marzo de 2017, no anterior mandato municipal.

Ademais, volve reiterar a necesidade de que se convoque a Comisión Especial de Memoria Histórica que non se reúne desde abril de 2021, cando hai unha extensa relación de simboloxía franquista pendente de retirar que o BNG levou en numerosas ocasións ao Pleno municipal.

Despois de que o BNG rexistrase as preguntas no Congreso, é certo que AENA e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana incluíu unha mención na páxina web mais que se limita a dicir o seguinte “Entre 1940 e 1942 lévanse a cabo as obras de “Explanación da pista norte-sur e zona central no aeródromo de Lavacolla” que son realizadas por Batallóns de Soldados Traballadores (nº28, 29 y 31) e por veciños de Santiago que, desde principios do proxecto do Aeródromo Compostela, traballaron de maneira forzosa nas obras do campo de voos”.  Porén, non deixa de ser unha referencia que segue a ocultar a verdadeira magnitude do sucedido, sen referencia algunha a que se trataba de presos políticos do réxime franquista. “Ademais na súa resposta o Goberno do Estado non da resposta á outra pregunta do BNG, de se xa se fixeran acción ou previsións para a colocación da placa conmemorativa, ou doutro tipo de accións de recuperación da memoria en lembranza das persoas presas por motivos políticos que se viron obrigados a traballar na construción do aeroporto” denuncia o deputado do BNG.

Por este motivo, a organización nacionalista reclama dar cumprimento coa Lei de Memoria Histórica, xusto nun momento en que a Lei de Memoria Democrática se atopa en tramitación parlamentaria que regulará, de ser aprobada, o estabelecemento de lugares de memoria democrática. “O Goberno debería dar exemplo e dar cumprimento á legalidade vixente e atender as peticións recibidas para incorporar toda a historia sobre a construción das instalacións” reivindica Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG