BNG reclama que a Lei do audiovisual garanta a presenza do galego nas plataformas dixitais

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado Néstor Rego rexistra una iniciativa no congreso e avanza emendas ao proxecto de Lei

A frente nacionalista defende que texto final recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán

BNG rexistra una nova iniciativa, que se vén a sumar ás xa defendidas no Congreso e no Parlamento da Galiza, para reclamar ao Goberno español a modificación do texto do anteproxecto de Lei Xeral da Comunicación audiovisual de forma que recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda. O deputado Néstor Rego avanza que se non así for, a frente nacionalista presentará emendas ao texto legal.

Na súa iniciativa, o BNG destaca que a plena normalización da lingua galega é un obxectivo que Galiza ten como sociedade e que para iso é imprescindíbel que o galego estea presente na totalidade das plataformas audiovisuais que a inmensa maioría da nosa sociedade emprega. Considera, no entanto, que a normalización da nosa lingua en espazos como Netflix, HBO ou Amazon Prime se ve ameazada polas previsión do anteproxecto da Lei Xeral de comunicación Audiovisual que anunciou o Goberno español. O proxecto de lei recolle que 30% das obras do catálogo das plataformas de contidos deber estar dedicado a obras europeas e que dentro dese 30%, polo menos un 50% destas “será reservado para producións en castelán ou nalgunha das outras linguas do Estado.”

Para o deputado nacionalista, Néstor Rego, a inexistencia de porcentaxes específicas para as linguas diferentes do español “significa que non hai ningunha garantía para que a lingua galega, como o catalán ou o eusquera, sexa realmente incluída nesas plataformas” e salienta que a redacción do anteproxecto “desoe todas as peticións e reclamacións das diferentes institucións e entidades do Estado español que recomendaban que 50% da cota dos traballos fose para aqueles feitos en galego, euskara ou catalán”.

Dun xeito semellante, o problema esténdese tamén ao debate do financiamiento, na medida en que no anteproxecto de lei se indica que os fornecedores do servizo de comunicación audiovisual televisivo con ingresos superiores a 50 millóns de euros deberán financiar obras europeas con 5% dese diñeiro, dos que un mínimo de 70% deberá ir dirixida a obras de produtores independentes en lingua española ou nalgunha das linguas oficiais das comunidades autónomas. “De novo a falta de concreción xoga a favor do español -que acaparará a inmensa mayoría das axudas- en detrimento das producións en galego ou noutras linguas oficiais”, sinala Rego, que acrecenta que o goberno español “volveu a facer caso omiso das reclamacións do sector audiovisual galego, vasco e catalán que reclamaban que esa porcentaxe de 5% pasase a 10%”.

O deputado do BNG lembra que o pasado día 12 de maio o Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade a chamada “Iniciativa Xabarín”, que ten como principal obxectivo precisamente o de asegurar e garantir a presenza do galego nas plataformas audiovisuais. Nela, xunto con outros puntos, reclámase que a nova Lei Xeral do Audiovisual “recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda”. Reclama, ademáis que a  Corporación de Radio Televisión Española “emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App”.

Néstor Rego apoia a necesidade de actuar nos datos fornecidos pola Mesa pola Normalización Lingüística, principal entidade social que traballa pola normalización do galego e impulsora da ‘Iniciativa Xabarín’, que destaca que dos 25872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada para o español e lexendado en español ou inglés mais só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua.

“Así pois, é fundamental para dar verdadeiras oportunidades de normalización á nosa lingua, actuar nun dos ámbitos de consumo cultural máis empregados polo público en xeral e a mocidade e infancia e particular e en que a situación de exclusión do galego é máis notoria” subliña o deputado nacionalista. Por iso o BNG reclama ao Goberno vontade política para avanzar nun texto da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual que garanta a presenza efectiva do galego e das outras linguas oficiais ao mesmo nivel que o español.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG