Parlamento Galego

BNG reclama que a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo manteña a súa autonomía e avance cara a facultade propia

Montse Valcarcel con persoal e alumnado da Escola de Enfermaria de Lugo
Montse Valcarcel con persoal e alumnado da Escola de Enfermaria de Lugo
Montse Valcárcel acusa o PP de “varrer” este centro público mentres apoia un novo grao privado en enfermaría na Coruña

A deputada do BNG por Lugo, Montse Valcárcel, defendeu a continuidade da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo como centro autónomo, adscrito á Universidade de Santiago de Compostela (USC) en condicións de igualdade e sen subordinación á Facultade compostelá.

Advertiu que a autonomía universitaria non pode ser un “cheque en branco para eliminar estruturas propias de Lugo” e acusou a Xunta de “ampararse na USC para xustificar unha centralización burocrática que prexudica a equidade territorial”. “Non estamos ante un centro débil, senón ante un claustro capaz, non só de manter a Escola, senón de xustificar a súa evolución cara a Facultade propia”, alegou.

A deputada criticou ao PP por impulsar e apoiar novos graos privados na Coruña mentres frea a oferta pública en Lugo.  “Resulta inaceptable que se anuncie un grao privado en enfermaría en Coruña, mentres se varre a Escola pública de Lugo. Privatízase na Coruña mentres se desmantela en Lugo. Ten isto algo que ver coa negativa a recoñecer os dereitos de Lugo?”, preguntou.

A nacionalista advertiu que a proposta da Xunta e da USC “pon en risco un legado de máis de cinco décadas de formación de profesionais cualificados para o sistema público galego” e que “converter a Escola nunha sección dependente da Facultade de Santiago non é unha reorganización académica, senón unha perda de capacidades para Lugo”

“A Escola de Enfermaría de Lugo é un referente sanitario e académico consolidado, con recoñecemento, demanda e prestixio indiscutibles. O que se propón agora é unha merma da súa autonomía, da súa xestión e do seu peso institucional”, afirmou Valcárcel.

A deputada explicou que o traspaso da Escola á Consellería de Educación é “correcto e lóxico”, por corresponder ao ámbito educativo e non ao sanitario, mais criticou que o Executivo galego e a USC pretendan reducir o centro a unha sección subordinada, “sen razón académica nin legal que o xustifique”.

Valcárcel lembrou que tanto os colexios profesionais, a Academia Galega de Enfermaría, o profesorado, o alumnado e as administracións local e provincial coinciden nunha mesma demanda: manter a estrutura independente da Escola, adaptada á realidade sanitaria e social da provincia.

A parlamentaria destacou a alta cualificación do profesorado —máis do 58% con doutoramento e traxectoria investigadora— e subliñou que a demanda de alumnado supera amplamente a oferta de prazas, o que evidencia “a viabilidade e a necesidade de reforzar o centro, non de degradalo”.

Segundo indicou, outras universidades españolas, mesmo a propia USC, manteñen centros duplicados como ADE; “non hai impedimento legal, o que falta é vontade política”, denunciou.

Na súa intervención, que foi seguida por unha representación da Escola Universitaria de Enfermaría, Valcárcel reclamoulle ao conselleiro de Educación un “compromiso claro” para garantir que Lugo manteña a súa Escola como centro propio e autónomo, con adscrición igualitaria á USC e coa posibilidade de evolucionar cara a facultade de Enfermaría de Lugo.

Valcárcel concluíu reclamando “xustiza, igualdade e respecto ao futuro educativo e sanitario de Lugo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG