BNG reclama protección para os elementos patrimoniais na concentración parcelaria de Camba no concello de Rodeiro

Mini Rivas
Mini Rivas
O deputado Mini Rivas propón protexer como masas comúns a Ruta dos Muíños e das Idades da Historia, a Tulla de Fafián e o castro de Aboldrón

O deputado nacionalista Mini Rivas defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para reclamar á Xunta que a concentración parcelaria do Val de Camba, no concello de Rodeiro, inclúa os elementos patrimoniais do núcleo de Outeiro e proximidades como masas comúns para a súa protección.

Segundo explicou Rivas na súa intervención na comisión parlamentaria de Agricultura, a concentración parcelaria do Val de Camba supón un proceso de reestruturación agraria que inclúe tardiamente (a petición do Concello de Rodeiro en 2016) un núcleo urbano, o de Outeiro, cun conxunto de elementos merecentes de protección patrimonial “que non só é ignorado polo Concello, senón que é este quen presiona para que se inclúa”.

Neste contexto, advertiu que o camiño e roteiro Ruta dos Muíños e das Idades da Historia, hoxe de carácter público, vai pasar a mans privadas, o que xera o temor da veciñanza de que acabe por ser pechado. De igual xeito, cuestionou que, pese a que a Tulla de Fafián consta en Patrimonio como propiedade “privada, descoñecida” e no catastro como propiedade en “investigación”, a concentración parcelaria do Val de Camba outórgalle a titularidade a unha familia. Así mesmo, considerou incomprensible que o Castro de Aboldrón se inclúa na súa totalidade en dúas novas parcelas privadas pertencentes a dous veciños, na vez de quedar en masa común para a súa conservación.

“Non se entende que a estas alturas e coa experiencia acumulada de tantos anos de concentracións, se sigan cometendo este tipo de anomalías que o único que fan é propiciar a perda de patrimonio común, crear malestar entre a veciñanza e dilatar procesos de reestruturación da propiedade gratuitamente”, criticou.

Así pois, defendeu a necesidade de que todos estes elementos patrimoniais teñan a protección axeitada, polo que avogou por modificar o acordo de concentración parcelaria do Val de Camba de xeito que os resíos e terreos incluídos no proceso, circundantes aos inmobles citados, se incorporen ao patrimonio público con cargo ao fondo de terras destinado a masa común. Ao tempo, reclamou a apertura dun expediente de vindicación da titularidade da Tulla de Fafián, tanto dos inmobles excluídos como das parcelas de bases, para “recobrar ou adquirir a propiedade do presuntamente arrebatado ou retido contra dereito”. 

Por último, pediu o mantemento como camiño público coincidente no lugar de Outeiro coa Ruta dos Muíños e das Idades da Historia, así como garantir a conservación da aldea pintoresca situada na parroquia de Fafián. Finalmente, a iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG