BNG reclama partidas nos Orzamentos do Estado para mellorar as infraestruturas na comarca do Deza

Presentación emendas Deza
Presentación emendas Deza

Néstor Rego presenta emenda para rebaixar as portaxes da AP-53, así como mellorar os seus accesos a través dos enlaces coa N-525 como no Alto da Rocha ou unha vía alternativa á estabelecida na saída da Lamela.

A frente nacionalista reclama a mellora da seguranza viaria na N-525 e N-640 ao seu paso por diversos núcleos de poboación nos concellos de Lalín, Silleda, Agolada, Vila de Cruces, Dozón e Rodeiro

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto con representantes do BNG na comarca do Deza, deron conta das emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para 2023 coas que a organización nacionalista reclama o incremento do investimento en materia de infraestruturas e mellorar a seguranza viaria. A organización nacionalista aposta pola rebaixa das portaxes na AP-53, pola mellora dos accesos no Alto da Rocha e o enlace na saída da Lamela en Silleda, así como pola posta en marcha de medidas de reposición e de aumento da seguranza viaria na N-525 e na N-640. Así mesmo, o deputado demandará desenvolver políticas verdadeiramente sociais para paliar a crise económica e social provocada pola suba desproporcionada dos prezos.

Na comparecencia para dar coñecer as emendas da comarca do Deza, o deputado nacionalista estivo acompañado polo responsábel comarcal do BNG, Xoán Blanco, e os portavoces de varios concellos: o voceiro do BNG en Lalín, Paco Vilariño; o concelleiro en Vila de Cruces, Alex Fiúza; a portavoz en Silleda, Tania Cornado; o concelleiro de Dozón, Miguel Docasar; e a responsábel local do BNG no Concello de Agolada, Susana Tato.

A organización nacionalista focou as emendas no incremento do investimento en materia de infraestruturas. Neste sentido, destacaron a emenda rexistrada para rebaixar as portaxes na AP-53, unha vía de comunicación estratéxica para o interior do País que “constitúe a única alternativa á N-525 para a conexión de Lalín coa capital da Galiza”, explicou o concelleiro do BNG en Lalín, Paco Vilariño. As portaxes oscilan entre os 6,15€ para vehículos familiares e de 12,35€ para os vehículos pesados por un traxecto menor a 50 quilómetros entre Lalín e Santiago de Compostela. “Resultan abusivos, sobre todo nun contexto de crise e non axudan a mellorar a mobilidade nin a competitividade dos sectores produtivos da comarca nin tampouco para loitar contra a despoboación do rural” salienta o deputado do BNG no Congreso.

Así mesmo,  a frente nacionalista defende unha partida de 200 mil euros para a mellora do acceso da AP-53 na saída de Lamela, no Concello de Silleda. “Aínda se está a empregar a pista de concentración parcelaria de propiedade municipal, unha solución que se entendía provisional e que derivou en definitiva mais que está a prexudicar tanto os usuarios da AP-53 como a veciñanza da zona” explica a portavoz do BNG en Silleda, Tania Cornado. Neste sentido, lembra que o proxecto inicial constaba dun enlace coa N-525 a través dunha nova estrada que transcorría detrás dos núcleos da Brea e Barravaite do que nada se sabe a día de hoxe. “Trátase de unir dúas vías de titularidade estatal, o lóxico é que sexa o propio Estado quen asuma esta responsabilidade” apunta Rego.

Mellora da seguranza na N-525 e N-640

A única vía alternativa á AP-53, cuxo uso é inviábel para a maioría das persoas usuarias por tratarse dunha das portaxes máis caras do Estado, é a N-525 que atravesa varios núcleos de poboación polo que a velocidade  está limitada en moitos tramos a 50 km/h e, como consecuencia, esta infraestrutura atópase en mal estado e continuamente saturada. “Existiron varios proxectos para a mellora integral da N-525 no tramo Lalín-Ponte Ulla mais os diferentes gobernos do Estado non executaron nin unha soa partida. Mesmo existía a previsión de mellorar varias das interseccións e sendas peonís para unir Taboada con Silleda e as de Chapa e Lamela coa Bandeira” destaca Rego mentres explica que ningunha destas actuacións se realizou até o de agora.

“É necesario unha actuación para mellorar as interseccións coa N-525 en Dozón porque presenta problemas de mobilidade e seguranza. Xunto o habitual tráfico de vehículos, súmase a circulación frecuente de gando, maquinaria agrícola e peóns” apunta o voceiro do BNG en Dozón, Miguel Docasar. Os cruzamentos onde é máis urxente actuar son o de Pereirón, de Parada, de Mizoite, o paso subterráneo e o cruzamento da Gouxa e todos os accesos ao polígono industrial. “É preciso construír pasos subterráneos para o gando, mellorar os accesos aos xa existentes e crear carrís de incorporación” demanda Néstor Rego.

Por outra banda, destaca a responsábel local do BNG no Concello de Agolada, sinala a necesidade de levar a cabo o proxecto de urbanización da N-640 ao seu paso pola zona urbana. “É un traxecto de 600 metros que presenta múltiples deficiencias como o problemas coas augas e en seguranza viaria que está a provocar accidentes” indica. Neste sentido, a frente nacionalista propón, a través dunha emenda, a instalación de elementos para o calmado do tráfico, así como unhas beirarrúas que posibiliten a circulación de persoas con mobilidade reducida, carros de compra ou para as crianzas, para que os peóns non se vexan obrigados a empregar a vía pola que circulan os vehículos.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG