parlamento galego

BNG reclama no Parlamento a posta en marcha do servizo de pediatría en horario de tarde no centro de saúde de Lalín

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández

As familias dalgunhas das parroquias máis afastadas da capital dezá vense obrigadas a desprazarse 70 km para poder atender as crianzas en Santiago

A portavoz de infancia e familia, Ariadna Fernández, defendeu na Comisión 5ª unha proposición non de lei para reclamar a urxencia dun servizo de pediatría polas tardes no centro de saúde de Lalín, cumprindo así a promesa electoral “anunciada a bombo e platillo” antes das eleccións municipais de 2023”. A falta de persoal especializado fai que 4.000 nenos e nenas menores de 14 anos que teñan que facer uso do servizo polas tardes, se vexan obrigados a desprazarse ata Santiago,  o que para moitas familias supón percorrer máis de 70 km, ou conformarse con ser atendidos por outro médico.  A proposición foi rexeitada polo PP.

Ademais dun profesional de pediatría polas tardes para Lalín, Fernández reclamou prazas especializadas en crianzas na Agolada, Rodeiro e Dozón,  para que non teñan que desprazarse a Lalín, “iso si, só dúas horas á semana  pola mañá e cando están os tres pediatras de mañá nese centro médico”. Nese caso, lamentou que as familias afectadas pola falta de atención na zona,  teñan que desprazarse a Santiago, “colapsando as urxencias do CHUS por pura inexistencia do servizo na súa zona”. Tamén pediu que se dote ”coa maior premura posible” dunha nova praza de pediatría en Silleda e Vila de Cruces.

No caso concreto de Lalín,  o Goberno do PP asegurou que o pediatra estaría exercendo no verán de 2023, o que “ evidentemente non é certo porque estamos chegando ao verán do 2024 e seguimos sen ese servizo”. Fernández preguntou se tería que ver con que “xa pasaron as eleccións”. Tamén relacionou a renuncia do titular que ía desenvolver ese servizo “co agravio que sofren estes profesionais por parte da Xunta, que precariza as súas condicións laborais e cuxos efectos recaen nos doentes”, en concreto, “nos nenos e nenas da comarca.

Durante a súa intervención, a deputada nacionalista criticou que a desatención sanitaria” se fai máis patente, seguindo unha regra de tres inversa por parte das políticas sanitarias do PP nas zonas rurais: “Canto máis rural, menos servizos e menos políticas adaptadas ás nosas necesidades” recriminou.

Advertiu que o problema non é illado, senón unha constante que se repite en todas as variantes, pero que a deputada destacou como vítima primeira desta “destrución planificada da sanidade pública, a atención primaria, á que se lle destina só un 11% do gasto total”. Ademais, non quixo esquecer “o peche de camas, os colapsos en urxencias, a non reposición de especialistas co abandono das zonas rurais, ou a situación precaria do persoal con contratos por días ou por semanas”.

As protestas por falta de pediatras esténdense por todo o noso territorio, Verín, a Costa da Morte, O Salnés, Vilalba, O baño, e agora tamén Lalín. Fernández  acusou ao PP de  “non respectan os nenos e nenas, nin os pais, nin os profesionais. É a súa maneira de maltratar a Sanidade pública”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG