O BNG reclama no Parlamento medidas de protección para o cruceiro de Melide do século XIV declarado BIC

Cruceiro Melide (foto concello)
Cruceiro Melide (foto concello)

Noa Presas denuncia que o gran tamaño do escenario utilizado para as festas obrigou a recortar a protección metálica do cruceiro

A deputada do BNG, Noa Presas leva ao Parlamento a falta de protección do cruceiro de Melide situado nas inmediacións da Igrexa de San Roque e catalogado como Ben de Interese Cultural.

A parlamentaria explica que na  penúltima semana de agosto, durante as festas, unha orquestra tocou moi preto do cruceiro enriba dun gran escenario o que obrigou a recortar a protección metálica. Cada ano, este feito repítese co conseguinte perigo para o cruceiro, situación denunciada polo propio Museo Terra de Melide.

Este ano, engadiu a deputada, ademais da denuncia pública do Museo, a Policía Local acudiu ao lugar para  levantar acta e agrandar  o perímetro de seguridade mesmo  trasladando  parte da parataxe da orquestra apoiada ao pé do monumento.

A deputada cualifico o  acontecido en Melide  de extrema gravidade e que ven a sumarse a moitas outras denuncias de semellante no resto de Galiza, froito das carencias de protección e posta en valor dos cruceiros. Pero  neste caso, recalca a nacionalista, obsérvase un obvio incumprimento da lexislación vixente pola situación urbanística do concello de Melide.  A  Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galiza recolle no seu Artigo 92 relativo a  Hórreos, cruceiros e petos de ánimas  que “Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos,  cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.”

A instalación dun escenario nese espazo de protección de 20 metros debería contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio e ademais, non é o primeiro ano que se denuncia a súa delicada situación polo que instamos á Xunta de Galiza a elaborar e remitir á Cámara, Concello e Museo de Melide e ás asociacións culturais e patrimoniais  un informe sobre a situación de conservación patrimonial do Cruceiro de Melide e  constituír unha mesa de diálogo  para  aprobar as melloras de conservación oportunas e dotalas de orzamento, nun período de seis meses.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG