O Bloque Nacionalista Galego avanza o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado e no Parlamento de Galiza para reclamar ao Goberno do Estado actuacións urxentes para a mellora da seguranza viaria na estrada N-550 ao seu paso polo concello de Vilaboa. A organización nacionalista sinala a necesidade de que Transportes actúe “dunha vez por todas” nesta vía e atenda as demandas veciñais para corrixir os problemas dun vial que ten un tráfico intenso, con un grande número de vehículos pesados, e que atravesa unha zona densamente habitada.
A senadora do BNG, Carme da Silva, estivo acompañada durante a visita polos deputados do BNG no Parlamento de Galiza, Luis Bará e Paulo Ríos, así como pola voceiro municipal do BNG en Vilaboa, Carlos Acuña Rubianes, ademais doutros cargos orgánicos e institucionais da organización.
Logo de visitar a zona e coñecer a situación actual de falta de seguranza viaria nos treitos da N-550 en Paredes, Figueirido e A Ramalleira, a senadora nacionalista sinala que o BNG levará as institucións a demanda de actuacións concretas de calmado do tráfico, dotación de beirarrúas e beiravías e medidas de seguranza peonil. Da Silva sinalou que o principal problema ten que ver co risco para as persoas que se desprazan a pé, pola dificultade para cruzar unha estrada que ten unha elevada densidade de tráfico e vehículos que circulan a unha velocidade excesiva cando circulan por zonas de travesías.
Solicitude de conexión coa AP-9 en dirección a Vigo
Así mesmo, a formación nacionalista reclamará o remate do nó de conexión entre a N-550 e a AP-9 no concello de Vilaboa, de maneira que se permita a entrada e saída en dirección a Vigo, tal e como estaba previsto no proxecto orixinal desta infraestrutura.
O BNG tamén solicitará melloras na sinalización tanto na N-550 como nas rotondas superiores desta vía que conectan coa AP-9, coa AG-57 (Vilaboa-A Ermida) e coa N-554 (Vilaboa-ponte de Rande), ademais dunha mellor integración do conxunto destas actuacións para garantir unha mobilidade máis segura e ordenada na zona.
“Todas estas medidas son necesarias para responder as demandas da veciñanza e para corrixir problemas que levan anos afectando á seguranza, á mobilidade e á funcionalidade desta importante vía de comunicación” subliña Carme da Silva.