O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advirte esta mañá das consecuencias económicas que poden ter para sectores estratéxicos da economía galega —como o conserveiro, o pesqueiro, o vitivinícola, a maquinaria, o metal ou a industria farmacéutica— os aranceis impostos pola administración estadounidense, que define como unha “guerra comercial promovida polos oligarcas da administración americana no marco dun imperio en decadencia que tenta conservar a súa hexemonía”. Ante esta situación, Rego exixe ao Goberno medidas de apoio para os sectores produtivos galegos co obxectivo de manter a actividade e os postos de traballo.
Un modelo, o neoliberal, en decadencia
Durante a comparecencia do Ministro de Economía, Carlos Cuerpo, Rego cualifica as políticas como unha “expresión da crise do modelo neoliberal globalizado e da emerxencia dun novo mundo multipolar en que os países buscan recuperar soberanía política e económica”. O deputado nacionalista sinala que “máis que a política arancelaria en si, o que preocupa é a súa aplicación arbitraria e brusca, que desestabiliza relacións comerciais e afecta negativamente a sectores fundamentais da nosa economía”.
Na defensa da Galiza e os seus sectores produtivos
O BNG defende a necesidade de implantar medidas paliativas e de apoio aos sectores prexudicados, sempre condicionadas ao mantemento do emprego, da actividade económica e á non deslocalización das empresas. “Estas axudas deben distribuírse con criterios de equidade e atendendo á relevancia estratéxica de cada sector” engade Rego.
Ao tempo, o deputado do BNG advirte que esta situación se non se pode utilizar como escusa para reactivar tratados comerciais “moi lesivos” como o UE-Mercosur, que, segundo alerta, serían beneficiosos para os estados centrais da UE pero “prexudiciais para a Galiza, o conxunto do Estado español e os países do sur global”.
Rego propón a Cuerpo medidas concretas contra os aranceis
Desde unha perspectiva propositiva, o BNG aposta por aproveitar a crise para avanzar cara a un modelo económico autocentrado e sustentábel, baseado no desenvolvemento dos sectores produtivos propios e na diversificación dos mercados exteriores. Neste sentido, Rego reitera a proposta do BNG de avanzar cara á incorporación da Galiza á Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP), “un espazo con máis de 300 millóns de persoas e con conexións culturais, lingüísticas e comerciais naturais para a Galiza”.
Finalmente, o deputado nacionalista subliña que “sen soberanía política non é posíbel defender con eficacia os intereses do noso país”. Así mesmo, cuestiona o papel da Unión Europea e dubida de se manterá unha postura firme fronte á agresividade comercial dos EUA ou se volverá a someterse aos intereses estadounidenses, tal e como exemplificou co recente anuncio dun crédito de máis de 2.000 millóns de euros do Goberno español para a compra de armamento a empresas norteamericanas.
“É fundamental evitar que, máis unha vez, os custos dunha crise provocada polos poderosos recaian sobre os pobos e as clases traballadoras” conclúe Rego.