A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, denunciou este xoves a estratexia do Goberno do PP para desmantelar os servizos de pediatría na Atención Primaria do País e advertiu, neste sentido, que “existe unha relación directa entre as dificultades de acceso aos especialistas de pediatría e o aumento de diagnoses tardías que aumentan os riscos para a saúde dos nenos e das nenas”.
Prado fixo estas consideracións na Comisión de Sanidade, na que defendeu unha iniciativa para emprazar á Xunta a tomar medidas que garantan que todos os nenos e nenas galegas en idade pediátrica teñan asistencia próxima ao seu domicilio, en Atención Primaria, por un profesional especialista en pediatría, independentemente de onde residan.
“Non podemos permitir que o nivel socioeconómico das familias ou a localización xeográfica sexan determinantes para a saúde das crianzas”, asegurou a deputada nacionalista que, remitíndose a datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), denunciou que hai comarcas enteiras -máis de 190 concellos- sen especialista en atención pediátrica e que arredor de once mil nenos/as non teñen en Galiza un pediatra asignado.
Ademais, engadiu, nos últimos vinte anos, entre 2004 e 2023, a Atención Primaria perdeu en Galiza 85 pediatras, ao pasar de 204 a 119. O problema será aínda maior se non se toman as medidas oportunas porque o 25% do cadro de pediatras ten xa máis de 65 anos e está próximo á xubilación, engadiu.
“A Xunta non fai absolutamente nada para reequilibrar esta situación”, asegurou Prado para poñer de manifesto que, malia que o 80 % dos procesos de saúde se atenden na Atención Primaria, o que está aumentando é a oferta de formación nos hospitais e non no paso de entrada ao sistema público de sanidade.
Prado advertiu que o BNG non vai permanecer calado diante da “desigualdade” que se está xerando pola falta de pediatras, obrigando a moitas familias a desprazarse fora do seu concello para que as crianzas reciban a atención dun especialista, a acudir a servizos de urxencias moitas veces saturados ou directamente a pagar á sanidade privada, destinando recursos “que ás veces non se teñen”.
A deputada do Salnés lamentou o voto en contra do PP á iniciativa que reclamaba da Xunta a presentación, no prazo máximo de tres meses, dun informe no Parlamento sobre os recursos de pediatría dos que se dispón en Atención Primaria e as previsións de xubilacións, un informe que serviría de base, explicou, para tomar medidas de futuro.
A iniciativa demandaba así mesmo medidas para garantir o número de prazas Mir en pediatría suficientes para cubrir todas as prazas necesarias para atender á totalidade de nenos e nenas galegas, e que na súa formación a presenza en Atención Primaria sexa acorde á porcentaxe que representan as prazas da especialidade na mesma (60%).