BNG reclama maior investimento en Monterrei nos Orzamentos do Estado para favorecer o desenvolvemento socioeconómico

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego defende eliminar o incremento previsto para o gasto militar e empregalo en políticas sociais para garantir que a crise provocada pola suba de prezos non a paguen as clases populares

A extensión da Rede de Fibra Óptica, novo enlace na A-52 ou a rexeneración do río Támega entre as propostas do BNG nas emendas dos Orzamentos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para a comarca de Monterrei. A frente nacionalista centra o debate no aumento do gasto en política social así como a dotación de partidas específicas para a prestación de servizos á cidadanía, extensión da Rede de Fibra Óptica e da cobertura de internet e telefonía a todo o territorio, así como a mellora das infraestruturas, como a construción do enlace da A-52 no concello da Mezquita, que permitirían vertebrar a comarca e favorecer o desenvolvemento socioeconómico do territorio.

A organización nacionalista cualificou os Orzamentos do Estado presentados polo Goberno de PSOE e UP para 2023 como insuficientes, tanto no relacionado co investimento territorializado para a Galiza –porque se estanca o investimento nun contexto de orzamentos expansivos- como no gasto en política social, mentres que se incrementa o gasto militar que superará en máis de 2% o Produto Interior Bruto.

Nas emendas rexistradas pola organización nacionalista, o deputado do BNG no Congreso demanda unha aposta decidida en aplicar políticas verdadeiramente sociais, así como renunciar ao incremento do gasto militar. “O Goberno continúa sen cumprir os compromisos como subir as pensións mínimas até 60% do Salario Medio” critica o deputado do BNG. “Ourense é o territorio do Estado coa pensión media máis baixa, por debaixo dos 900 euros, a case 700 euros da pensión media máis alta que se atopa en Biscaia. Subir as pensións mínimas axudaría a superar tanto a fenda de xénero como a fenda territorial” subliña o deputado.

“Non podemos aceptar que esta crise a paguen de novo os traballadores e as traballadoras e as clases populares co empobrecemento pola vía da perda continuada de poder adquisitivo, como xa ten acontecido no pasado” explica o deputado nacionalista ante as emendas rexistradas sobre políticas sociais. Ademais, frente nacionalista demanda o cumprimento da financiación de 50% por parte do Estado, segundo marca a propia Lei de Dependencia, e transferir os activos propiedade da SAREB á Xunta de Galiza para desenvolver unha política pública de vivenda, entre outras medidas que propón o BNG.

A frente nacionalista propón un Plan Director para o río Támega para a recuperación e protección dos espazos naturais co obxectivo de preservar o entorno natural. “O río Támega pertence á rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade: Rede Natura 2000” lembra. O Plan Director, segundo explica, permitiría recuperar e integrar o río dentro da rede de espazos naturais, como curso fluvial de calidade medioambiental, urbanística e paisaxística valorizando o seu entorno e creando novos espazos verdes a carón do río, con zonas de descanso, xogos e, sobre todo, resolvendo os problemas actuais de falta de hixiene.

“Rexistramos unha emenda para garantir a extensión da Rede de Fibra Óptica en todo o termo municipal de Verín xa que, a día de hoxe, non se cubre adecuadamente nas zonas rurais” subliña o tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo. Nos últimos anos, explica Lourenzo, estase estendendo de maneira errática, desordenada e lenta, por este motivo a organización nacionalista solicita a “ampliación dunha rede de fibra óptica que mellora o acceso a internet, especialmente nas zonas como na N-525 ao seu paso por Pazos onde se concentran varias empresas que carecen desta conexión”.

Alén do máis, o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, destaca a partida orzamentaria para a creación do enlace da autovía A-52 dirección Madrid, no municipio da Mezquita. “Este novo enlace permitiría mellorar os índices de accesibilidade, capacidade e seguranza viaria que potenciaría a economía da Mezquita xa que atraería a novas empresas que se poderían asentar neste concello” apunta Pérez.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG