BNG reclama investimentos no plan industrial de Navantia en Ferrol: “Son a carga de traballo para o futuro”

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández advirte que a diversificación da actividade só será posible con diques para obra nova e reparacións e máis capacidade de elevación 

O deputado do BNG pola comarca de Ferrol, Ramón Fernández, defendeu no Parlamento unha iniciativa para reclamar máis investimentos no plan industrial de Navantia en Ferrol para garantir a diversificación da actividade e a produción naval na ría no século XXI “con todas as garantías”.

“Os investimentos de hoxe son a carga de traballo para o futuro”, advertiu o deputado, que considerou que este é o momento de facer “presión social e política” para conseguilos, pois o plan industrial de Navantia está dando os seus primeiros pasos e este vai ser  “a decisión política con máis transcendencia, con moita diferencia, para a vida e o futuro de toda a comarca de Ferrol”. 

Ramón Fernández insistiu na idea de que “a diversificación non pode ser unha palabra baleira de significado” e que para dotala de contido é necesario garantir a Navantia Ferrol novas infraestruturas, como un dique para nova construción e outro para reparacións de maiores dimensións ou mellorar e aumentar a capacidade dos sistemas de elevación de cargas ou a renovación da kollman de turbinas. 

Na defensa da iniciativa do BNG, o deputado alertou de que as decisións que se coñecen xa respecto ao futuro plan industrial “non son nada alentadoras” pois, explicou, manteñen o veto á construción naval civil na ría, sacan Puerto Real do negocio da eólica mariña para incorporalo como competidor directo e porque, ademais, renuncian a facer os investimentos necesarios para manter a capacidade actual dos estaleiro ferrolá.    

É por iso que a proposta do BNG, rexeitada polo PP, reclama tamén, entre outras cuestións, a recuperación da actividade de construción naval civil, liberando Ferrol dun “corsé que cada 10 ou 15 anos nos deixa sen alento”. Segundo destacou, a carga de traballo que existe agora no segmento militar “atrae todos os focos”, máis a experiencia acumulada demostra que “detrás dun período de ocupación nos estaleiros chega sempre un de baleirado de gradas”. 

De aí a importancia de “mirar a longo prazo” para garantir a carga de traballo, que “no medio da éxtase da construción militar” estase vendo afectada agora pola rescisión de varios contratos de eólica mariña dos Estados Unidos por causa das novas políticas da Administración Trump. “Polo de pronto temos un ERTE en vigor para 417 persoas até fin de ano”, lamentou. 

A iniciativa do BNG avoga por introducir Navantia ría de Ferrol nos segmentos de maior carga tecnolóxica das actividades relacionadas coas enerxías renovábeis e a descarbonización da mobilidade marítima, nomeadamente a fábrica de turbinas. Pide, así mesmo, a adxudicación ao centro Navantia ría de Ferrol das construcións de buques de mediano e gran porte, como ven sendo norma habitualmente. 

Ramón Fernández insistiu, por outra banda, en que a Xunta debe entrar no consello de administración de Navantia, unha posibilidade recollida no Estatuto de Galiza, porque é este órgano o que toma “decisións de moito calado” como, exemplificou, a de destinar Puerto Real á construción naval en competencia con Ferrol. 

Ao longo da súa intervención, o deputado nacionalista esixiu un maior compromiso coas forzas  Censurou, sobre esta cuestión, que a conselleira de Industria aínda non recibise aos comités de empresa de Navantia. “Supoño que quixo evitarse o papelón de reunirse cos comités para dicirlles o que lles dixeron, que a Xunta non ten pensado facer nada ao respecto do plan industrial nin vai solicitar a entrada no consello de administración de Navantia, nin tampouco van facer nada sobre a famosa promesa de Feijóo de investir na área de reparacións de Navantia Ferrol para potenciala”, salientou.

Na mesma liña, criticou que os comités non saiban nada aínda das xestións que o alcalde e senador de Ferrol, como presidente da mancomunidade, prometeu facer hai xa máis de un mes. 

Ramón Fernández esixiu, por outra banda, que as medidas sociais pactadas pola dirección de Navantia para o seu persoal adiantando as posibilidades de xubilación deben ser de aplicación tamén ao persoal da industria auxiliar, que sofre igualmente a construción naval como “actividade penosa e perigosa”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG