BNG reclama a intervención da Xunta para garantir o emprego de Blavice Services e o pagamento dos atrasos ao persoal

Olalla Rodil
Olalla Rodil

O Goberno galego confirma ao Bloque a presentación do concurso de acredores da empresa con centros en Narón e Vigo, pese a recibir máis de medio millón de euros en axudas públicas só no bienio 2021-2022

Olalla Rodil urxe ao Goberno galego a fiscalizar ás empresas que coma esta reciben recursos públicos como centros especiais de emprego para velar polo respecto dos dereitos laborais das e dos traballadores 

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento que adopte as medidas necesarias para garantir o mantemento de emprego da empresa Blavice Services SL -constituída como centro especial de emprego para a inclusión laboral de persoas con discapacidade e con centros en Vigo e Narón- e que as e os traballadores afectados polos reiterados incumprimentos salariais (a súa inmensa maioría, 54 de 74) reciban os atrasos adebedados.

Nunha pregunta ante a comisión parlamentaria de Política Social e Emprego, a portavoz nacionalista de Dereitos Sociais, Olalla Rodil, advertiu que a empresa acumula dende 2019 unha débeda salarial de máis de 400.000 euros pero que, pese a un acordo para que estes atrasos se fosen aboando a partir da nómina de xullo de 2021 mediante o pagamento de 20 euros mensuais co compromiso de negociar o restante a partir de xuño deste ano, o cadro de persoal non só non recibiu as contías adebedadas, senón que Blavice Services presentou unha modificación substancial colectiva pola que rexeita o pagamento e ameazou coa disolución de non se aceptar o acordo, ameaza que foi ratificada pola Xunta na súa resposta, ao confirmar a presentación dun concurso de acredores.

“En síntese, as traballadoras e traballadores da entidade atópanse nunha situación crítica na que non só non percibiron o diñeiro adebedado pola empresa correspondente aos seus salarios, senón que poden quedar na rúa”, resumiu para engadir a continuación que, ao se tratar dun centro especial de emprego, a empresa (anteriormente Amil Lago Servicios Generales) recibiu cuantiosas axudas públicas dirixidas á inclusión laboral de persoas con discapacidade, en concreto no bienio 2021-2022, un total de 543.325 euros, fundamentalmente para precisamente o mantemento dos custes salariais, ademais da adaptación de postos de traballo e unidades de apoio á actividade profesional.

Segundo recalcou Rodil, a Administración pública ten unha responsabilidade, “se cabe maior”, para velar porque os recursos públicos que reciben este tipo de empresas e entidades para sufragar os custes salariais dos seus cadros de persoal sirvan para cumprir con ese obxectivo “e non o contrario, como acontece no caso de Blavice Services”. “E digo isto porque cando se tramitaron as ordes de axuda, en agosto de 2021, xa había unha débeda salarial moi importante cos traballadores e traballadoras”, incidiu.

Así pois, a deputada nacionalista cuestionou ao Executivo galego como é posible “que unha empresa que adebeda máis de 400.000 euros aos traballadores continúe recibindo cartos públicos para mantemento dos custes salariais sen que a Xunta vele polos seus dereitos”, polo que emprazou á Xunta a, por unha banda, actuar para garantir o mantemento do emprego de Blavice Services, e, por outra, a fiscalizar as empresas e entidades que reciben fondos públicos como centros especiais de emprego para velar polo respecto e garantía dos dereitos laborais das e dos traballadores.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG