BNG reclama no Congreso respectar o dereito á autodeterminación do pobo saharauí

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego rexistra unha iniciativa para o seu debate en pleno demandando ao Goberno que rectifique a postura adoptada de maneira unilateral sobre o Sáhara Occidental

“Se o Goberno non rectifica sería a segunda ocasión en que o Estado español abandona ao pobo saharauí” advirte o deputado nacionalista

O deputado do BNG, Néstor Rego, varias iniciativas reclamando respectar o dereito de autodeterminación do pobo saharauí, incluída unha proposición non de lei na que se demanda ratificar o apoio ao proceso de descolonización do Sáhara Occidental, tal e como indican as diversas resolucións da ONU e o traballo da MINURSO para que sexa posíbel realizar canto antes o referendo de autodeterminación. Así mesmo, reclama rectificar a posición expresada polo Presidente na carta remitida ao Rei de Marrocos e volver ao consenso social, así como dirixirse ao Goberno de Marrocos para exixirlle o respecto aos dereitos humanos do pobo saharauí.

A decisión do Goberno español de modificar a súa posición en relación co conflito do Sáhara Occidental foi coñecida a través da filtración dunha carta de Pedro Sánchez ao Rei de Marrocos. Nesta carta, o Presidente manifesta expresamente que “España considera a proposta marroquí de autonomía presentada en 2007 como a base máis seria, críbel e realista para a resolución deste diferendo” e isto supón que o Estado español se sitúa á marxe das resolucións da ONU e dos esforzos por verificar o referendo de autodeterminación previsto por este organismo internacional para resolver o conflito.

Este cambio de posición, que ademais “prodúcese sen consultar ao Congreso dos Deputados e -con seguridade- sen tomar en consideración a opinión maioritaria das forzas políticas e da cidadanía”, significa tamén que o Estado español adopta unha posición de parte, apoiando a solución marroquí que implica a anexión do Sáhara Occidental. Isto fai inviábel o papel activo de mediación que debería ter o Estado español para chegar canto antes a unha solución pacífica pola vía dos acordos e resolucións das Nacións Unidas.

“Se o Goberno non rectifica, esta sería a segunda ocasión en que o Estado español deixa abandonado á súa sorte ao pobo saharauí, despois de permitir en 1975 a invasión marroquí e aceptar a división do territorio entre Marrocos e Mauritania no Acordo Tripartito de Madrid de novembro dese ano” subliña o deputado do BNG. Rego reclama ao Goberno ratificar o seu apoio ao proceso de descolonización do Sáhara Occidental, “seguindo as resolucións da ONU e o traballo da MINURSO para que sexa posíbel realizar canto antes o referendo de autodeterminación do pobo saharauí”.

A posición manifestada polo Presidente do Goberno, ademais de inxusta co pobo saharauí e imprudente dado o contexto actual, “pon en cuestión a súa neutralidade e o papel que, como potencia legalmente administradora do Territorio Non autónomo pendente de descolonizar, debería desempeñar para buscar unha solución xusta e duradeira que garanta o respecto aos dereitos do pobo saharauí”.

Por iso, o Bloque Nacionalista Galego tamén demanda rectificar a posición expresada na que manifestaba o seu apoio á proposta marroquí de autonomía e a volver ao consenso social e a acompañar o traballo dos organismos internacionais “para unha resolución xusta e duradeira do conflito”. Por último, Rego conclúe instando a dirixirse ao Goberno de Marrocos para exixirlle o respecto aos dereitos humanos da poboación saharauí que vive nos territorios ilegalmente ocupados do Sáhara Occidental.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG