Congreso

BNG reclama compensacións económicas para o sector do marisqueo da Ría do Burgo

Encontro Ría do Burgo (arquivo)
Encontro Ría do Burgo (arquivo)

O deputado Néstor Rego salientou que a paralización desta actividade marisqueira durante a execución das obras dragado, se non houber compensacións, ocasionaría graves perdas económicas e poría en risco a posibilidade da súa renovación unha vez termine a actuación.

O BNG reclama que sexa recollida no procedemento de contratación a incorporación de mariscadoras e mariscadores na realización dos traballos de rexeneración e dragado.

Rego considera imprescindíbel, tal como veu reclamando a Mesa da Ría do Burgo, a constitución dunha Comisión de Seguimento en que estean representadas as distintas administracións e todos os axentes implicados.

O BNG rexistrou no Congreso unha Proposición Non de Lei para exixir Goberno español, de acordo con todas as Administracións implicadas no Proxecto do Dragado ambiental da Ría do Burgo, chegar a un acordo coa Confraría de Pescadores da Coruña para asegurar as necesarias compensacións económicas para as e os afectados durante a suspensión da actividade extractiva e o seu mantemento até que se poda renovar a práctica do marisqueo con total normalidade para así asegurar manter a actividade unha vez finalizado o dragado.

“A paralización desta actividade durante a execución do dragado, se non houber compensacións, ocasionaría graves perdas económicas e poría en risco a posibilidade da súa renovación unha vez termine a actuación” apuntou o deputado.

Ademais, a formación nacionalista ve necesario estabelecer como condición nos pregos de contratación que a empresa adxudicataria deba incorporar mariscadoras e mariscadores na realización de traballos de rexeneración e dragado. Segundo Néstor Rego, isto serviría para, conxuntamente coas axudas compensatorias ao sector, paliar os efectos negativos da obrigada parada da actividade mentres se desenvolven os labores de dragado.

Alén disto, o BNG reclama o estabelecemento dun plan de vixilancia que inclúa o control exhaustivo e periódico da calidade das augas, a estanquidade dos recintos de confinamento dos lodos e a evolución da flora e fauna.

Por último, Rego considera imprescindíbel que, tal como veu reclamando a Mesa da Ría do Burgo, constituída por distintas entidades (Confraría de Pescadores da Coruña, Plataforma en defensa da Ría do Burgo, Universidade da Coruña e os concellos de Cambre, Culleredo, A Coruña e Oleiros) a constitución dunha Comisión de Seguimento en que estean representadas as distintas administracións e todos os axentes implicados.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG