congreso

BNG reclama a Casa das Cunchas de Meirás para o pobo galego

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego exixe a inclusión do inmoble e dos terreos que o rodean nunha nova demanda contra a familia Franco por pertencer o conxunto de bens espoliados polo ditador como tamén o foi o Pazo de Meirás.

A formación nacionalista denuncia a recente resolución que condena as activistas que realizaron o acto simbólico na Casa Cornide, ben que tamén foi espoliado pola familia Franco.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama que se inclúa o inmoble coñecido como Casa “das Cunchas” e o hórreo anexado, así como os terreos sobre os que se levantan ambos, na demanda dos bens espoliados de maneira ilícita pola familia Franco para que sexan devoltos co Pazo de Meirás ao pobo galego. “A sentenza non puido fallar sobre a propiedade destes bens porque a Avogacía do Estado non as incluíu no reivindicado pola Administración a pesar de que forma tamén parte dos terreos espoliados polos Franco durante a ditadura” recriminou o deputado nacionalista, Néstor Rego.

Tras facerse pública a sentenza da devolución do Pazo de Meirás, coñeceuse que a resolución non afectaba a parte das construcións do complexo, concretamente a coñecida comunmente como a Casa “das Cunchas” e o hórreo anexo que se atopa nos mesmos terreos. A casa foi forrada con cunchas de vieira por mandato de Carmen Polo, e aí o nome popular polo que é coñecida, e o hórreo tiña orixinalmente unha parte de madeira, segundo a tipoloxía da zona coruñesa, que foi substituído por outro de pedra labrada, procedente das Rías Baixas que recibiron “como agasallo” o ditador e a súa esposa.

A formación nacionalista critica o que a Avogacía cualifica de “erro”, pois indicou que non se incluíran na demanda “por atoparse fora dos muros que rodean a finca do Pazo” mais non entenden que non foran xa “obxecto de reivindicación posto que eses terreos chegaron a mans da familia do mesmo xeito que os terreos de Meirás”. A finca da Casa das Cunchas foi expropiada a un emigrante natural de Sada durante o franquismo en 1962 cando Franco inscribiu esta propiedade a seu nome no rexistro de Betanzos debido a unha “escritura de compravenda simulada”.

Neste sentido, o deputado nacionalista reclama que se inicien, por parte da Avogacía do Estado, os trámites necesarios para a inclusión deste inmoble no reclamado, e de ser necesario que se inicie unha nova demanda xudicial para lograr a devolución de todos os bens espoliados en Meirás. “A Casa das Cunchas forma parte do conxunto de inmobles e terreos que foron adquiridos de maneira fraudulenta e que agora deben volver o pobo galego, como o Pazo de Meirás” incidiu Rego.

Debe lembrarse que a Audiencia Provincial ven de confirmar a Sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña e recoñece que a propiedade do conxunto de Meirás non é dos Franco senón do Estado, quen actuaba como parte demandante. Porén, establecía, a diferenza a primeira sentenza, a obriga para a reclamante de indemnizar aos familiares do ditador. Para o BNG isto é totalmente inxusto pois a posesión dos Franco durante todos estes anos foi de mala fe, coñecían a ilexitimidade dos bens que posuían e, polo tanto, todas as inversións que fixeran en Meirás nese tempo foron feita pola súa conta e sabendo que nin o Pazo nin a finca eran súas, polo que non poden pedir indemnización.

Casa Cornide: caso de espolio e roubo nos xulgados

Despois de coñecer, esta mesma semana, a sentenza en contra das oito persoas que realizaron un acto simbólico na Casa Cornide en 2017, o deputado nacionalista criticou a resolución do Xulgado de Instrución número 4 por obrigar a pagar unha multa de 180 euros cada unha. Para o deputado nacionalista, o ditame é unha mostra máis do “atropelo democrático” do réxime herdado no setenta e oito.

“Que oito persoas sexan sancionadas por realizar un acto simbólico e pacífico nun dos inmobles espoliados pola familia do ditador, que asasinou e maltratou a miles de galegos e galegas, reflexa a nula calidade do sistema democrático no que estamos” apuntou Rego. Para rematar, o deputado do BNG lembrou que a Casa Cornide é outro dos bens expropiados por Franco durante a ditadura, foi o “antollo persoal da esposa do ditador, Carmen Polo, a través dunha poxa fraudulenta”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG