BNG reclama a Carlos Cuerpo que non participe nun Foro que non respecta o topónimo legal A Toxa e en que está un ex-Primeiro Ministro sionista

Néstor Rego
Néstor Rego
“O Ministro de Economía debe exixir á organización que cumpra co nomenclátor oficial da Galiza, A Toxa” e negarse a participar a carón do artífice da Operación Chumbo Fundido que masacrou a poboación palestina de Gaza en 2008 e 2009

O BNG ven de presentar no Congreso unha pregunta parlamentar relacionada co denominado Foro “La Toja” para demandarlle ao Goberno que exixa á organización a utilización do topónimo legal A Toxa e para pedirlle que se retire a participación do ex-Primeiro Ministro sionista, Edhud Olmert, que comando a chamada Operación Chumbo Fundido contra a poboación de Gaza.  

Van VII edicións de ilegalidade lingüística

Nesta VII edición, o BNG volve denunciar a deturpación do topónimo da Toxa e a negativa da organización a cumprir coa legalidade lingüística vixente. Por riba, nesta ocasión conta coa participación “dun criminal de guerra sionista, Edhud Olmert, quen ocupou altos cargos no Goberno de Ariel Sharon e que se converteu en Primeiro Ministro entre 2006 e 2009, época na que foi o responsábel da Operación Chumbo Fundido, sendo artífice da devastación e da destrución de Gaza nos anos 2008 e 2009, coa morte de millares de palestinos, destrución de hospitais, escolas, vivendas e moitas infraestruturas”.

Non é ético nin coherente estar a carón dun criminal sionista

O Goberno do Estado estará representado no Foro polo Ministro de Economía. Considera Néstor Rego que o titular de Economía debería exixir o respecto da toponimia galega como condición previa á súa participación. E tamén debería exixir que se retire a presenza do Ex-Primeiro Ministro israelí porque “non seria ético nin coherente que o Executivo que di condenar o xenocidio de Palestina, manteña a súa participación a carón dun criminal sionista”.

Diante de todo isto, “o Goberno debe negar o seu apoio público ao evento” e dirixirse á organización para que asuma dunha vez a legalidade vixente e respecte o nomenclátor estabelecido pola Xunta de Galiza e a retirada da participación de representantes do sionismo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG