BNG reclama axudas e protección para as Comunidades de Montes gravemente afectadas polos incendios e o PP vota en contra

María Albert
María Albert

María Albert apostou por un novo modelo de monte “multifuncional no que prime a biodiversidade”

A deputada lamentou, que unha vez máis, o Partido popular rexeitara as propostas do BNG para revitalizar o monte e convertelo  en motor de desenvolvemento económico

A portavoz de Montes do BNG, María Albert demandou un compromiso do goberno para protexer ás Comunidades de Montes afectadas gravemente polos incendios. A deputada afirmou que urxen “medidas excepcionais ante momentos excepcionais e aí é onde se mide a verdadeira altura dun goberno”.

Albert lembrou que o propio conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez afirmou na súa última comparecencia do Parlamento galego que durante o ano 2022 arderon en Galiza máis de 51.000 hectáreas por mor dos incendios forestais das que más de 50.000 producíronse dentro  de montes veciñais en man común.

A parlamentaria asegurou que os incendios converteron este verán no “peor dos últimos quince anos” con máis de 50 casas queimadas en diferentes núcleos de poboación e danos irreparables en zonas medioambientales protexidas, acuíferos, e a morte de medio millón de animais.

Na súa intervención, María Albert volveu a referirse a comparecencia do titular de Medio Rural , por terceira vez, ironizou, na que asumiu o discurso e análise realizada polo BNG sinalando que “a xestión e ordenación do territorio debe ser a base da loita contra os incendios forestais”. Para a deputada, as palabras deben ir acompañadas de feitos e esa ordenación e xestión de maneira multifuncional, en mosaico, con aproveitamentos constantes deben garantir o proxecto vital das persoas do rural. Nesta liña, apuntou que son precisas medidas para propiciar “posibilidades laborais, servizos públicos e privados, comunicacións, transporte público, e dicir, “condicións de vida dignas que lles permitan vivir e progresar nas contornas rurais sen teren que ser súper heroes resistencialistas por facelo”.

E cando falamos destas cuestións, recalcou a nacionalista,  o monte desempeña un papel fundamental e  as Comunidades de Montes  “unha peza chave” se realmente se opta por un rural vivo e non por un rural controlado desde as cidades ou  empresas de xestión de servizos forestais. Neste sentido, cualificou a política forestal do goberno galego de “política fracasa” e incapaz de loitar por  acadar a ordenación do monte e contra o envellecemento e o abandono do rural.

Ante os incendios deste verán, volveu a explicar Albert,  as Comunidades de Montes Veciñais sufriron con especial virulencia as consecuencias do lume, resultando desta afectación miles de hectáreas de superficie queimada, con madeira ardida no monte e con verdadeiras dificultades de recuperación pola falta de recursos, principalmente nas zonas do interior de Lugo e de Ourense onde se ven máis condicionadas polo envellecemento e a falta de relevo xeracional onde as Comunidades de Montes se atopan en estado de abandono ou semiabandono e moitas   ocasións sen recursos  para que as asembleas funcionen cun mínimo de cuórum.

A deputada lembrou que as  distintas liñas de axudas  da Xunta de Galiza publicadas no DOG de 29 de xullo de 2022 resultaron “insuficientes”  por non estar dirixidas ao conxunto de afectados dos  incendios deste verán, e  tan  só aos da grave vaga de incendios principiada no 14 xullo.  Moitos particulares e Comunidades de Montes  non puideron acollerse a elas ao que sumou que a  Xunta evitara este ano convocar  axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co FEADER.

Dende o BNG, reclamamos: Estabelecer as medidas para que toda a madeira queimada sexa retirada dos montes antes de que perda valor económico e provoque  a erosión da terra e o esparcemento de enfermidades, chegar a acordos co sector madeireiro para garantir que o prezo da madeira queimada manteña o prezo do mercado, proceder a restauración da terra, axudar as comunidades de montes que padeceron os incendio anulando a obriga de investir un ano os ingresos  da tala da madeira queimada, fomentar que as comunidades de montes afectadas polos incendios presenten un plano de investimento a 10 anos para o “perfilamento dun monte multifuncilonal” e estabelecer unha liña extraordinaria de axudas “ao 100% para que as comunidades de montes afectadas polos incendios poidan dispor de novos planos de ordenación” xa que os que estaban en vigor ficaron invalidados polo lume.

A deputada do BNG lamentou que, unha vez máis, o Partido popular rexeitara unha iniciativa para revitalizar o medio rural e convertelo nun verdadeiro motor de desenvolvemento económico e de garantía para fixar poboación nas contornas rurais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG