congreso

BNG reclama axilizar os traballos no derrubamento na A-6 en Becerreá

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego reprocha ao Ministerio de Transportes o retraso no inicio das labores de limpeza dos entullos e lembra que a A-6 é unha vía de comunicación fundamental, especialmente para o transporte de mercadorías.

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, dirixiuse de novo ao Ministerio de Transportes para reclamarlle que axilice os traballos de limpeza dos entullos no lugar do derrubamento de terra en Becerreá e garanta a operatividade da A-6 canto antes.

Néstor Rego critica o retraso no inicio dos labores de limpeza dunha autovía fundamental para a conexión de Galiza coa Meseta. “Os traballos deron comezo case unha semana despois do corremento de terras que invadiu os dous carrís en dirección á Coruña e non temos data de cando vai estar operativa a vía”, reprocha o deputado do BNG ao Ministerio.

Neste sentido, quer sabe a que se debeu a demora nas actuacións nunha vía básica para as comunicacións do transporte de mercadorías e que permanece fechada á altura do derrubamento o que está a causar importantes problemas de circulación.

Plan de revisión dos noiros

Para Rego, este novo incidente na A-6 que se suma ao derrubamento dos viadutos do Castro, tería requirido “maior celeridade por parte do Ministerio. Agardábamos unha actuación urxente e non unha espera dunha semana que sen lugar a dúbidas vai retrasar a apertura da vía nesta zona”.

O parlamentar do BNG quer que o MITMA concrete cando vai estar operativa a A-6 na área do derrubamento e apela á necesidade de levar a cabo un Plan de revisión dos noiros ao seu paso pola área da montaña de Lugo.

Rego pon sobre a mesa a necesidade de contar cun Protocolo de actuación áxil fronte a este tipo de situacións.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG