O deputado do BNG Iago Suárez reclamou ao Goberno do PP que deixe de tratar a Ribeira Sacra coma “un parque temático” e promova un plan de futuro consensuado para a zona, no que se teña en conta aos veciños e ás veciñas desta zona do País. “Onde está un plan de emprego, onde está un plan de vivenda ou un plan de remuda do sector vitivinícola da Ribeira Sacra? Non hai nada”, advertiu, emprazando o Goberno de Rueda a “deixar de utilizar a Ribeira Sacra como un simple parque temático onde parece que non vive xente”.
O deputado chantadino interveu no Pleno do Parlamento para preguntarlle ao conselleiro de Cultura, José López Campos, por que a Xunta está a ocultar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, un escurantismo que, advertiu, está a xerar “bastantes reticencias” por parte da poboación e das comunidades locais, ás que o PP “está dando as costas” tanto á hora de elaborar esa candidatura coma sobre os plans de futuro. “A xente non sabe que vai pasar ao día seguinte de que se presente a candidatura”, engadiu.
Suárez Fernández afondou nas súas críticas á falta de un plan para o sector vitivinícola, subliñando que “se hai Ribeira é grazas á produción en bancais situados ao pé dos ríos que conforman a Ribeira Sacra”. Un sector no que a media de idade dos traballadores e traballadoras é agora de 60 anos e que, sen plans de remuda, “a día de hoxe non está garantido de aquí a 15 ou 20 anos”.
Na exposición da súa pregunta ao conselleiro, o deputado do BNG censurou ademais que tampouco se coñezan plans para o turismo, lembrando neste punto que polo menos tres autobuses quedaron recentemente atrapados na Ribeira Sacra “por falta de planificación”.
Así mesmo, o deputado polo sur de Lugo reclamou medidas para protexer o románico que existe ao longo e ancho deste territorio, un dos “factores verdadeiramente diferenciais” e un dos seus grandes valores para ser candidatura a Patrimonio da Humanidade. E a pesar de que a Ribeira Sacra alberga “a maior concentración de románico de toda Europa”, son moitas as “edificacións singulares” desta época que “se están caendo”, lamentou, aludindo, entre outros casos, ao Pazo de Vilar, en Taboada; á casa do Torno, de Saviñao, ou a Igrexa de San Pedro de Cela, o Pazo de Miraelfe ou a Torre de Arcos, estes dous últimos en Chantada.
“A Unesco pode retirar declaracións de patrimonio e humanidade”, salientou a continuación Iago Suárez, advertindo que a candidatura da Ribeira Sacra é “carne de cañón para que sexa retirada” nun futuro.
Suárez afeou ao conselleiro o descoñecemento do territorio e lembrou, neste sentido, que no mapa presentado para a primeira candidatura tiña “erros clamorosos”, excluíndo incluso algunhas zonas. “Desta vez parece que a candidatura se presentou en firme, non como no 2021, cando o alcalde de Madrid, Martínez Almeida, mandou retirala”. “E vostedes, obviamente, obedeceron sen rechistar”, dixo.