BNG reclama ao Goberno revisar os fondos Next Generation atribuídos á senda Milladoiro-Santiago polo impacto negativo no bosque do Banquete de Conxo

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego urxe o Goberno a posicionarse sobre o forte impacto negativo, tanto ambiental como patrimonial do proxecto promovido pola Xunta de Galiza que se financia con fondos europeos e que ignora as demandas veciñais

O deputado do BNG demanda avaliar as actuacións realizadas pola Xunta e impulsar medidas para evitar novas afeccións ao bosque do Banquete de Conxo e á contorna do río Sar

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que actúe frente ao impacto ambiental e patrimonial do proxecto da senda ciclista e peonil entre O Milladoiro e a estación intermodal Daniel Castelao de Santiago de Compostela, financiado con fondos europeos Next Generation.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advirte de que a actuación promovida pola Xunta de Galiza “non pode seguir avanzando a costa de espazos naturais e patrimoniais de enorme valor ecolóxico, histórico e cultural como o bosque do Banquete de Conxo e a ribeira do río Sar”.

A formación nacionalista denuncia que, a pesar das numerosas alegacións presentadas pola veciñanza, colectivos sociais e o propio Concello de Santiago durante a fase de exposición pública, a Xunta mantén un trazado “claramente lesivo” para zonas de alta sensibilidade ambiental como as Brañas do Sar e o Bosque do Banquete de Conxo.

Segundo lembra o BNG, o proxecto do denominado Eixo de mobilidade sustentábel Milladoiro-Santiago contempla un percorrido total de 13 quilómetros e un investimento próximo a 11 millóns de euros con financiamento procedente do Programa Europeo Next Generation. A actuación foi sufrindo diversas modificacións desde que a Xunta asumiu a proposta no período 2021-2022 e adxudicou a redacción do proxecto.

Porén, as modificacións realizadas en 2024 “non resolveron os graves impactos ambientais e patrimoniais detectados”, especialmente na zona do bosque do Banquete de Conxo. De facto, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución desfavorábel sobre parte do trazado, coincidindo coas conclusións do informe elaborado polo ICOMOS, organismo asesor da UNESCO, e coas denuncias trasladadas á Fiscalía Europea.

“O informe do ICOMOS deixa claro que existe unha incompatibilidade entre esta senda e o proxecto de renaturalización do Ecobosque do Banquete de Conxo impulsado polo concello de Santiago e a Fundación Biodiversidade, tamén financiado con fondos europeos” sinala Rego.

O deputado nacionalista considera “especialmente grave” que, pese ao anuncio de suspensión dunha parte do trazado en maio de 2025, meses despois se retomasen actuacións no tramo da rúa de Suarribas, xerando unha transformación “evidente” da ribeira do Sar nunha zona catalogada por Augas da Galiza como área de risco potencial significativo de inundación.

Para o BNG, resulta “incomprensíbel” que un proxecto con informes desfavorábeis, unha forte contestación social e un impacto ambiental tan elevado continúe recibindo financiamento europeo. “Os fondos Next Generation non poden utilizarse para destruír espazos naturais que precisamente deberían ser protexidos e recuperados” afirma Rego.

Nese sentido, o Bloque reclama ao Goberno do Estado que se implique e revise se o proxecto segue cumprindo as condicións necesarias para recibir financiamento europeo. “O Goberno non pode permanecer alleo cando existen informes técnicos negativos, afeccións patrimoniais e ambientais acreditadas e mesmo unha investigación aberta pola Fiscalía Europea” salienta o deputado do nacionalista.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG