Congreso

BNG reclama ao Goberno a restitución do AVANT das 7.47h para as persoas con abono recorrente

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego critica que Renfe exclúa este servizo “esencial” das opcións dispoñíbeis cos novos bonos: “Un recorte encuberto que prexudica ás persoas traballadoras e estudantes”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas para exixir ao Goberno explicacións sobre a exclusión do servizo de tren AVANT das 7:47h entre Santiago de Compostela e Ourense para as persoas usuarias con abono recorrente. O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia que se trata dun "novo episodio de discriminación e desatención ao servizo ferroviario na Galiza" e reclama a restitución inmediata desta frecuencia “fundamental para garantir a mobilidade diaria da poboación”.

A situación, que xa se dera a finais de maio e foi corrixida tras as denuncias das persoas usuarias, repítese agora coa entrada en vigor dos novos abonos recorrentes. Tal e como alertan as persoas afectadas, o tren das 7:47h continúa operando e é posíbel adquirir billete, mais unicamente pagando o prezo completo —sen opción de empregalo co abono—, o que imposibilita o acceso para moitas persoas que utilizan o servizo a diario para desprazarse aos seus postos de traballo ou centros de estudo.

“O tren das 6:23h é, para moitas persoas usuarias, excesivamente cedo e o das 8:23h moi tardío, polo que a única opción realista para milleiros de galegas e galegos era a das 7:47h. Excluír esta frecuencia do abono recorrente implica unha redución das posibilidades de mobilidade diaria e penaliza o uso dos bonos” sinala Rego.

O deputado require explicacións sobre esta exclusión e reclama saber se Renfe prevé volver incluír este servizo no marco dos novos bonos para persoas viaxeiras recorrentes. Ademais, urxe garantir que as persoas usuarias poidan planificar as súas viaxes con seguranza e coñecemento, exixindo tamén unha mellora na comunicación e transparencia por parte da operadora ferroviaria.

Rego lembra que non é a primeira vez que o BNG leva esta problemática ao Congreso: “En maio xa advertimos da eliminación silenciosa desta frecuencia, e agora repítese a mesma situación. Parece unha estratexia deliberada para reducir o uso dos bonos e empurrar a quen precisa o tren a pagar tarifas completas. Isto é inxusto, e máis nun contexto onde se fala de fomentar o transporte público e sustentábel”.

Por todo isto, o BNG reclama ao Goberno do Estado e a Renfe que rectifiquen de inmediato, restabelezan o acceso ao tren das 7:47h para as persoas con abono recorrente e dean unha explicación clara sobre os motivos desta supresión reiterada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG