BNG reclama ao Goberno medidas para paliar a crise do sector pesqueiro

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego propón un paquete de actuacións e axudas ante a situación “insostíbel e as perdas económicas, laborais e sociais” e a inacción do executivo estatal

Destaca as rebaixas nos prezos dos carburantes, a aplicación do IVE superreducido de 4% a produtos do mar para fomentar o consumo e a activación das axudas de minimis.

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas con propostas de medidas urxentes que debe adoptar o Goberno do Estado para paliar a crise actual do sector pesqueiro e minimizar seu o impacto. Reclama estabelecer unha rebaixa da imposición sobre os hidrocarburos, activar as axudas de minimis e compensacións económicas que palíen os amarres e paros que se produzan, así como aplicar o IVE superreducido de 4% a produtos do mar para fomentar o consumo. Ademais, a organización nacionalista urxe paralizar as reformas europeas e estatais postas en marcha para a eliminación das bonificacións ao combustíbel pesqueiro.

“A situación actual é insostíbel e as perdas económicas, laborais e sociais que poden implicar, incalculábeis” comeza sinalando Rego. Segundo explica, é inconcibíbel a inacción dos responsábeis políticos con competencias na materia “diante dun ao que non se lle ve fácil saída”. Frente a esta pasividade, Rego rexistra iniciativas estabelecendo medidas excepcionais para adoptar de maneira urxente e contribuír a minimizar o impacto que a actual crise na actividade pesqueira de Galiza e do conxunto do Estado.

“Hai que estabelecer unha rebaixa da imposición sobre os hidrocarburos, cando menos até que a inflación non se estabilice, que permita o mantemento da actividade pesqueira, así como aprobar axudas temporais ao sector pesqueiro afectado polo incremento dos custos de produción, a través das axudas de minimis, co obxecto de asegurar a viabilidade da actividade” reivindica.

Así mesmo, Rego demanda paralizar as reformas europeas e estatais en marcha que pretenden eliminar as bonificacións ao combustíbel pesqueiro e “implantar medidas urxentes de compensación económica que palíen os amarres e paros que se produzan como consecuencia da situación de altos custos actuais”.

Ademais recorda que é necesario aplicar o IVE de tipo superreducido de 4% aos produtos do mar- en lugar de 10% actual- por tratarse de bens de primeira necesidade e por ser o seu consumo fundamental para manter a saúde da cidadanía, co que se aseguraría que se manteñan as vendas e unha alimentación de calidade a un prezo asequível. Esta medida conta co apoio da OMS e a Resolución do Parlamento Europeo, do 20 de outubro de 2021, sobre unha Estratexia «da Granxa á Mesa» para un sistema alimentario xusto, saudábel e respectuoso co medio ambiente que recomenda estabelecer un tipo nulo de IVE para os alimentos saudábeis e sostíbeis.

Cabe lembrar que, nos últimos 20 anos, a frota pesqueira comunitaria viuse reducida. Especial diminución sufriu a frota pesqueira galega, porén, a pesar dos continuos recortes, Galiza continúa a ser unha potencia pesqueira dentro do Estado español e da Unión Europea cun peso moi relevante no Produto Interior Bruto da Galiza e o Estado. “O sector pesqueiro enfrentou múltiples problemáticas derivadas de decisións políticas, cando menos, cuestionábeis que supuxo moitos esforzos para superalas” enfatiza o deputado nacionalista.

En definitiva, “é necesario pór en marcha, de forma urxente, medidas que freen a escandalosa suba do prezo dos combustibles que se ven producindo desde hai preto dun ano, escalada que se viu agravada nas últimas semanas debido para os efectos nesta materia que xa está a ter a invasión rusa da Ucraína, iniciada o pasado 24 de febreiro”.

Após dous anos de pandemia, en que a pesca foi declarada actividade esencial, o sector “está a padecer hoxe unha situación sen precedentes e da que leva meses advertindo”. O importante incremento dos custos operativos, do prezo dos carburantes, o impacto da inflación e o aumento das dificultades loxísticas está a levar a unha parte importante da frota ao amarre provocou o anunciou, por parte do sector, un paro xeral a partir do día 21 deste mes.

Até o de agora, os distintos gobernos foron incapaces de tomar medidas para contrarrestar a situación que se estaba creando e que xa no 2021 provocou o encarecemento do combustible en 58,64% desde comezos de ano. En 2022, a suba sitúase en 107% e nos últimos 15 días pasou de 0,668 a 1,16, ao parecer insuficiente para que o Ministro de Pesca se reúna co sector, que xa realizou esa petición fai máis dunha semana.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG