O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno do Estado que axilice e priorice a execución das obras de mellora da seguridade viaria na estrada N-120 ao seu paso polo concello de Ponteareas, sobre todo no tramo que atravesa distintos núcleos habitados e urbanos e que presenta un elevado risco para a circulación peonil e rodada.
A senadora do BNG, Carme da Silva, advirte que o anuncio publicado no Boletín Oficial do Estado o pasado 17 de outubro, mediante o que se aproba definitivamente o expediente de información pública e o proxecto complementario de trazado para a construción de glorietas e o tratamento das marxes da N-120, “é un paso necesario, mais non pode servir de pretexto para continuar adiando unha actuación urxente e largamente reclamada pola veciñanza”.
“O Goberno debe pasar das palabras aos feitos e converter en realidade unhas obras imprescindíbeis para garantir a seguridade das persoas. Falamos dun treito que funciona na práctica como unha travesía urbana e que precisa medidas de calmado de tráfico, pasos peonís e unha integración real no tecido urbano” subliña Carme da Silva.
A representante nacionalista demanda ao Ministerio de Transportes que remate de inmediato a redacción do proxecto construtivo definitivo, estabelecendo un calendario concreto para a súa licitación e execución, así como a correspondente reserva orzamentaria que permita acometer as obras sen máis demoras.
Da Silva destacou que esta actuación é “altamente necesaria e demandada pola cidadanía de Ponteareas e pola Plataforma Veciñal durante máis dunha década”, especialmente nas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas, onde a N-120 “atravesa zonas residenciais e con intenso tránsito diario”. Por iso, insiste en que “debe tratarse como unha rúa urbana e non como unha estrada interurbana”.
“Estamos a falar dunha cuestión de seguridade e de xustiza coa veciñanza, que leva anos agardando polo compromiso do Estado. É hora de pasar das promesas á execución real das obras” conclúe a senadora do BNG.