parlamento galego

BNG reclama ao Goberno do PP que remita ao Parlamento toda a información sobre os contratos asinados con Eulen

Luís Bará
Luís Bará

Bará exixe transparencia ante a sospeita de que houbo un trato de favor á empresa que dirixe en Galiza a irmá do ex presidente da Xunta Núñez Feijóo

Denuncia un uso recorrente dos contratos menores para ‘esquivar’ a obrigatoriedade de sacar a concurso público a contratación de servizos

O BNG reclamará ao Goberno do PP que remita ao Parlamento toda a información relativa aos contratos que a Xunta asinou con Eulen, a empresa que dirixe en Galiza a irmá do ex presidente do Executivo galego e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.

En concreto, o BNG exixirá a información relativa aos contratos asinados nos últimos anos tanto polas consellerías como polos diferentes organismos da Administración autonómica, tal e como anunciou este venres o viceportavoz segundo do Bloque no Parlamento, Luís Bará, quen advertiu do uso recorrente da contratación a dedo que se observa nas relacións entre este grupo empresarial e a Xunta.

No seu labor de fiscalización ao Goberno, o Bloque esixe transparencia ante a sospeita de que houbo un trato de favor á empresa da que forma parte Micaela Núñez Feijóo posto que, tal e como recolle hoxe o xornal dixital El Salto, só entre os anos 2018 e 2023 a Xunta adxudicou a Eulen máis de 1.300 contratos a dedo, sen concurso público, por case cinco millóns de euros.

Na relación de contratos menores entre os diferentes organismos da administración galega e Eulen apréciase, advertiu o deputado nacionalista, un fraccionamento reiterado na contratación para a prestación dun mesmo servizo, unha maneira de “esquivar” a obrigatoriedade do concurso público, prexudicando deste xeito tanto ás arcas públicas -que poderían beneficiarse de mellores ofertas- como a outras empresas, explicou Bará.

“Queremos saber porque hai unha contratación sistemática a dedo con Eulen, se estamos ante un caso de nepotismo, de favoritismo, de amiguismo puro e duro, no que se favorece a unha empresa dirixida pola irmá do presidente do PP”, asegurou Bará, para quen, se ben pode haber casos nos que estea xustificado o contrato fraccionado, “resulta sospeitoso que este tipo de contratos se fagan de xeito sistemático cunha empresa determinada vinculada a altos cargos do PP”.

A modo de exemplo, o deputado nacionalista referiuse ao case  aos case 700.000 euros que suman ducias e ducias de contratos menores baixo o concepto de “edificacións e outras construcións”,  ou á concatenación de contratos menores entre a Consellería de Sanidade e Eulen, que entre maio de 2021 e setembro de 2022 asinaron 14 contratos pola mesma cantidade (10.834 euros) para a prestación do servizo de “seguridade”, tal e como recolle a información publicada por El Salto. Un só lote para este servicio sostido no tempo obrigaría ao concurso público, explicou Bará.

O deputado nacionalista advertiu ademais de que, neste caso, “chove sobre mollado”,  lembrando que non é a primeira vez que se require información á Xunta dos contratos coa empresa na que a irmá de Feijóo é alto cargo. De feito, no 2022 o BNG xa reclamou unha auditoría externa tras coñecerse tamén por informacións de prensa que o goberno do PP triplicara a contratación co Grupo Eulen desde a chegada do presidente do Partido Popular á Xunta.

Daquela, o Bloque advertira tamén sobre as “singularidades” nos distintos procedementos de contratación, en referencia á non licitación por lotes de determinados contratos, evitando así a competencia doutras empresas.

Bará lamenta, sen embargo, que até o de agora o PP tense  negado a facilitar información sobre as relacións contractuais con Eulen, un dos motivos que ten levado incluso ao BNG a presentar ante a Valedora do Pobo unha queixa sobre a ocultación sistemática de información á que os deputados teñen dereito. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG