parlamento galego

BNG reclama ao Goberno do PP poñer fin á deslocalización de actividades do sector da automoción

Brais Ruanova
Brais Ruanova

O Portavoz de Industria, Brais Ruanova, acusouno de ser incapaz de deseñar unha estratexia común e de consenso para a automoción galega

O Portavoz de Economía e Industria, Brais Ruanova defendeu unha Proposición non de lei na Comisión 6ª, na que instaba ao Goberno do PP a poñer fin á deslocalización das empresas do sector da automoción en Galiza. Acusouno de “ser incapaz de deseñar unha estratexia común e de consenso para a automoción galega”.  A iniciativa foi rexeitada polo Partido Popular.

O grupo parlamentar do BNG trouxo esta iniciativa á Comisión despois de coñecer, o pasado mes de abril, a intención do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza-CTAG, de implantar, a través da joint venture lusogalaica ISQCTAG, un centro tecnolóxico na localidade portuguesa de Monçao.

Ruanova argumentou que “este centro ten como obxectivo a potenciación e o aumento da competitividade da automoción portuguesa no que ten que ver co coche híbrido e eléctrico”. Recriminoulle ao PP que “un organismo galego do que a Xunta participa, aposte por levar a actividade ao norte de Portugal”

O centro tecnolóxico “conta cunha inversión de 6,3 millóns de euros e desenvolveranse preto de 2000 metros cadrados para a investigación en dous eidos principais: Investigación en tecnoloxía óptica, que, segundo Ruanova, “choca e compite co know how galego”, e a investigación na fabricación de compoñentes de baterías, o que, “pon de manifesto o “total desleixo do goberno galego polo sector da automoción. Porque hai anos que Vigo debería ter contado cunha fábrica de baterías” lamentou.

Recordou que o sector de automoción é un “sector estratéxico para comarcas como a de Vigo e, por extensión, para a economía galega. Con preto de 25.000 empregos directos supón aproximadamente o 14% do emprego industrial do país”.

O sector pivota arredor da empresa matriz Stellantis, “á cal se lle supón que debe servir como tractora do conxunto de empresas que conforman o tecido económico vinculado a este sector, onde preto de 150 empresas desenvolven a súa actividade só ou principalmente para Stellantis”.

Este sector está nun momento que cualificou de “crítico” e que que “xa se viña anunciando dende hai anos la “falta dunha planificación e aposta pública clara para adaptar o sector ao novo paradigma de mobilidade”, pola “forte dependencia dunha parte das empresas da empresa matriz, e sobre todo pola “deslocalización constante de diferentes actividades”, sinalou.

Para o portavoz de Industria, estes motivos son parte dunha mesma premisa, a da “incapacidade do goberno galego de deseñar unha estratexia común e de consenso para a automoción galega”, porque “durante 15 anos limitouse a servir de altofalante das esixencias exclusivas de Stellantis e o Clúster de Automoción e Movilidad de Galicia (CEAGA)”. Isto, aclarou, “non debería supoñer un problema per se, pero o que levamos anos denunciando, é que a única proposta que levan aplicando, tanto o Goberno estatal como o Goberno galego, é financiar con cartos públicos a precariedade e a deslocalización do sector”, criticou.

Na súa quenda de réplica, e ante as acusacións do PP de que o BNG está en contra da internacionalización, Ruanova replicoulle que “do que estamos en contra é da internacionalización do emprego, que fai que milleiros de mozos e mozas marchen traballar fóra, da internacionalización dos centros de decisión, e da internacionalización dos nosos aforros, que só serve para financiar proxectos fóra do noso País”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG