O BNG reclama a Medio Rural máis medios e melloras na campaña de vacinación contra o virus da lingua azul

Xosé Luís Rivas
Xosé Luís Rivas

Xosé Luís Rivas advirte dos prexuízos económicos para as explotacións e de problemas de benestar animal ocasionados pola planificación da Xunta   

“Dada a difícil situación que atravesa xa o sector da carne en Galiza, esta pode ser a puntilla definitiva”, asegura o deputado do Bloque

 

O deputado do BNG Xosé Luís Rivas vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta do PP cambios na campaña de vacinación contra o virus da lingua azul, posto que a planificación feita até o de agora por Medio Rural está ocasionando, advirte, importantes prexuízos económicos nas explotacións e incluso problemas de benestar animal.

“A medida que transcorren as semanas van ser cada vez máis as explotacións afectadas porque non se está a realizar unha segunda vacinación en saba coa celeridade necesaria. E dada a situación difícil que atravesa o sector da carne en Galiza, esta pode ser a puntilla definitiva”, asegura.

A campaña de vacinación gratuíta e obrigatoria para o gando bovino e ovino (animais maiores de tres meses) iniciouse en marzo nas provincias de Ourense e Pontevedra, e nas comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos e Quiroga en Lugo. A vacinación en saba, explica Rivas, debería ter rematado en abril, antes de finalizar a estación libre de vectores (cando non se detecta presenza dos mosquitos culicoides). Porén, “nalgúns concellos non rematou a día de hoxe”, denuncia o deputado do BNG. Fora desa estación as restricións de movemento de animais son maiores.

Non que se refire á chamada vacinación de continuidade, “debería ter comezado o día 1 de xullo pasado, máis vai tan lenta que poderíamos dicir que aínda non comezou”, engade Rivas, que sinala as reaccións adversas nos animais (abortos, partos prematuros, baixada produtiva ou mortes) como uno dos problemas que se están detectando trala vacinación.

A estes atrancos súmase, engade, a “escasa ou inexistente” información facilitada pola Consellería de Medio Rural aos gandeiros, que fai que moitos non podan solicitar as indemnizacións que lles corresponden por eses efectos adversos debido ao incumprimento dos prazos marcados pola propia Administración. “E se os efectos adversos aparecen máis tarde? Como se demostran moitos deles?, pregúntase nas iniciativas presentadas, nas que tamén critica que as reclamacións só podan facerse por vía electrónica.

Xosé Luís Rivas destaca, por outra banda, os problemas que están a sufrir nas explotacións para mover o gando, dándose casos de animais en condicións óptimas que non se poden enviar a sacrificio ó non estaren vacinados. “Isto supón un enorme prexuízo para os gandeiros e as gandeiras, xa que non poden dispoñer dun ingreso co que contaban e lles supón aumentar os custes de produción ó lles obrigar a manter eses animais nunha época estival na que non hai pasto dispoñible e tendo en conta os aumentos dos prezos dos concentrados”, expón.

Outro dos efectos da planificación da Xunta está sendo que os gandeiros e gandeiras non poden vender as crías de xovencas enviadas a centros de recría situados en zona libre, co prexuízo económico e os problemas de benestar animal que iso supón, pois moitas explotacións non teñen espazo suficiente para mantelos en boas condicións. Algúns cebadeiros teñen ademais a actividade paralizada por mor das restricións impostas.

É por todo iso que o BNG insta á Xunta a formar un equipo de persoas con criterio científico que avalíe en profundidade a vacinación en saba fronte a enfermidades como a lingua azul e a dotar de medios humanos suficientes a campaña de continuidade para evitar que os prazos se prolonguen e minimizar as restricións de movementos.

O deputado do Bloque reclama así mesmo establecer vías e maior dotación económica para incrementar o número de veterinarios que colaboren na vacinación, e que se vacine gratuitamente as xovencas nos centros de recría localizados en zona libre cando teñan que retornar a explotacións en zonas restrinxidas.

Finalmente, Rivas esixe á Xunta que proporcione de oficio máis información aos gandeiros e gandeiras e facilite os procedementos de reclamación de indemnizacións.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG