O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno un Plan de Reforma Integral da estrada FE-13 en Ferrol, unha vía dependente do Ministerio de Transportes que presenta un estado de conservación moi deficiente e que supón un risco evidente para a seguranza viaria.
A FE-13 é unha das estradas con maior volume de tráfico do municipio, ao conectar a estrada de Catabois coa de Castela, dar acceso ao polígono da Gándara e contar con saídas relevantes cara á AP-9 e ao parque comercial do Boial. Porén, o seu abandono prolongado e a falta de investimentos no mantemento provocaron un deterioro xeneralizado do firme, con fendas e fochancas continuas, especialmente no treito comprendido entre a Avenida das Pías e a estrada de Catabois.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que esta situación xa está a ter consecuencias directas, como o incremento dos accidentes nos últimos anos, e sinalan que as actuacións realizadas até o de agora pola Demarcación de Estradas na Galiza limítanse a simples parches, claramente insuficientes e sen efectos duradeiros. Ademais, a sinalización horizontal permanece sen pintar durante meses, o que incrementa aínda máis o perigo para as persoas usuarias da vía.
“A FE-13 non pode seguir sendo unha estrada perigosa nin unha suma de remendos que en pouco tempo volven desaparecer. Ferrol precisa dunha vía segura, ben conservada e acorde coa importancia estratéxica que ten para o tráfico da cidade” subliña o deputado do BNG no Congreso.
Por todo isto, Néstor Rego insta o Goberno do Estado a acometer actuacións urxentes que garantan a seguranza viaria e a axilizar os trámites necesarios para iniciar canto antes as obras dunha rehabilitación e reparación integral da FE-13, afastándose das solucións provisionais e apostando por unha intervención completa que ofreza garantías a medio e longo prazo.
O BNG considera inaceptábel o trato que recibe esta infraestrutura e reclama ao Ministerio de Transportes que asuma a súa responsabilidade cun investimento serio e planificado que dea resposta ás necesidades reais da veciñanza de Ferrol.