parlamento galego

BNG reclama unha ambulancia de reforzo para atender as urxencias médicas da comarca do Morrazo durante todo o ano

Paulo Ríos
Paulo Ríos

“Os tempos de resposta son moi superiores aos que deberan ser, e son precisos máis recursos para axudar a salvar vidas”, denuncia Paulo Ríos

O deputado de BNG Paulo Ríos vén de rexistrar no Parlamento de Galiza unha iniciativa para reclamar á Xunta máis recursos, tanto materias como humanos, no servizo do 061 para a comarca do Morrazo. “Os tempos de resposta ante unha urxencia son na actualidade moi superiores aos que deberan ser, e por iso son necesarios máis medios, para axudar a salvar vidas”, asegura o deputado do Morrazo, que lembra que unha pronta asistencia pode ser decisiva en casos de paradas cardiorrespiratorias, ictus ou politraumatismos.

En concreto, Ríos Santomé urxe unha ambulancia de reforzo, un recurso que considera imprescindible para garantir unha asistencia “áxil e eficaz” durante todo o ano, pero especialmente durante os meses de verán, cando a poboación da comarca se incrementa notablemente por mor dos visitantes.

O Bloque volve solicitar máis recursos para atender as emerxencias despois de que varias persoas tivesen falecido en circunstancias “nas que as únicas ambulancias da comarca estaban ocupadas e os profesionais médicos precisaron doutros servizos para poder achegarse a atender a emerxencia, sendo o seu tempo de resposta superior ao que tería sido de contar cunha ambulancia de reforzo”, expón na iniciativa.

Á falta de vehículos de asistencia médica únese o traslado do servizo de urxencias do centro de saúde da Casa do Mar de Moaña cara ao PAC de Cangas, engade.

A demora na atención dalgunhas urxencias ten provocado preocupación na veciñanza, polo que o deputado considera tamén que é necesario que “se investigue e se depuren as responsabilidades oportunas ante o que está a suceder no servizo de emerxencias”.

a súa iniciativa, o BNG lembra que as traballadoras do 061 do Morrazo levan anos pedindo que se amplíe a flota de ambulancias na comarca e denunciando, como vén de facer tamén CIG-Saúde, que o 061 “manipula” os datos, ocultando os anteriores a 2019 para facer as comparativas. “Non é posíbel comparar o aumento da demanda asistencial do ano 2019 co do 2020, xa que neste último ano, por mor da pandemia, reduciuse drasticamente o turismo e debido ás diferentes restricións baixou a actividade relacionada coa industria e os accidentes de tráfico”, alega Paulo Ríos.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG