BNG proporá no Parlamento un paquete de medidas para a reindustrialización do País dada a inacción da Xunta ante a crise

Mon Fernández
Mon Fernández

Entre elas, plans específicos para sectores como a automoción, o naval ou a siderurxia e para comarcas concretas como A Mariña e Ferrolterra

Elevar o investimento en I+D+i ata o 2,5% do PIB nos orzamentos galegos, chave para o desenvolvemento de políticas industriais de reactivación

Mon Fernández: “12.000 empregos perdidos no sector co Goberno do PP; mentres Feixóo anda de campaña en Castela e León, o BNG fai propostas” 

“Mentres Feixóo anda de campaña electoral por Castela e León, o BNG presenta no Parlamento galego para o seu debate en Pleno 20 propostas para impulsar a reindustrialización do País” e frear a crise industrial que sofre Galiza.

Así o avanza o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, quen advirte dos “12.000 postos de traballo perdidos no sector durante o goberno de Núñez Feixóo”, ben por peches empresariais, ben por crises industriais, nos e nas que se fixo “infelizmente popular” nos últimos tempos a consigna Sen Industria non Hai Futuro.  

Moi ao contrario do papel desempeñado ata o de agora polo Executivo do PP, “no BNG temos claro que a Xunta ten que ser motor de cambio, de reactivación e de reindustrialización”, recalca Fernández, polo que a batería de propostas que defenderá no Pleno parlamentario do próximo martes inclúe plans específicos para comarcas como Ferrolterra ou A Mariña e para sectores como o naval, a automoción ou o siderúrxico, “atravesados polo que consideramos debe ser a chave de bóveda de toda política industrial que é elevar o investimento en I+D+i ata o 2,5% do PIB nos orzamentos da Xunta”.

Tal e como avanza o deputado nacionalista, entre as propostas inclúese, ademais do impulso da Mesa Galega da Automoción, un Plan Galego pola Automoción que promova a instalación en Galiza de novas actividades e actores industriais relacionados co sector para, por unha banda, garantir a produción daqueles compoñentes críticos e de máis valor engadido en función dos novos sistemas de mobilidade (por exemplo, fábricas de celas de baterías eléctricas, de semicondutores, de pilas de hidróxeno ou de novos sistemas de tracción) e, por outra, rachar así coa excesiva dependencia actual dun único gran fabricante.

De igual xeito, o BNG avoga por desenvolver un Plan galego para a descarbonización do transporte colectivo por estrada (incentivando o deseño e construción de vehículos nas fábricas galegas) e outro para o sector dos carburantes e biocarburantes, no que se inclúan as previsións e medidas necesarias para a transformación de refinerías en biorrefinerías, así como a transición cara os biocombustibles de segunda xeración con materias primas sustentables, procurando as sinerxías con outras industrias para a elaboración de subprodutos e apostando polo biocombustible como combustible de transición na mobilidade ata que se consigan os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.

Así mesmo, propón un plan específico para o peche de ciclos de madeira, coa creación dun complexo industrial para a transformación e segunda transformación de produtos derivados, e medidas transversais como o Plan para o fomento da actividade tecnolóxica e industrial -para fomentar novas actividades de alto valor engadido e intensivas en coñecemento dirixidas a aqueles sectores maduros como o téxtil, a alimentación ou o das TICs, co obxectivo de que o sector industrial supoña o 20% do PIB en 2023 e o 25% en 2030-, así como o Plan galego de desenvolvemento eólico (que vincule a autorización da instalación de potencia eólica a que as sociedades promotoras impulsen ou participen proxectos industriais) ou a creación dunha empresa pública de enerxía (a partir da recuperación das concesións de aproveitamentos hidráulicos, das que vaian vencendo sucesivamente e aquelas nas que o concesionario incumpra os termos da concesión) ou do INNOGAL (como organismo dedicado á retención, recuperación e captación de talento).

A Mariña e Ferrolterra e empresas como Barreras, Alu Ibérica, Xeal ou Vulcano

Nas súas propostas, o BNG incide na necesidade de actuar especificamente sobre dúas das comarcas industriais máis castigadas pola crise: A Mariña e Ferrolterra. Para a primeira, ademais dun plan industrial e de emprego propio que inclúe a apertura para usos comerciais do dique norte San Cibrao-Morás, defende o rearranque das cubas de Alcoa garantindo os investimentos comprometidos, a máis tardar nos prazos estipulados, e impulsando a intervención pública en caso de incumprimento.

Sobre a segunda, o Bloque aposta por constituír un complexo integral da construción naval na ría de Ferrol, recuperando a construción naval civil e coa I+D+i como principal ferramenta para introducirse nas tecnoloxías vinculadas á descarbonización da mobilidade marítima, así como a entrada da Xunta no consello de administración de Navantia, en aplicación do Estatuto de autonomía e da Lei de fomento do sector naval de Galiza. De igual xeito, propón a creación en Ferrol dun Centro Tecnolóxico da construción naval de carácter estable en colaboración con Navantia e a UDC e dun Centro para a I+D+i no almacenamento de enerxía nas Pontes.  

Por último, a formación nacionalista considera preciso articular medidas para empresas concretas dado o importante papel que xogan na economía e o emprego das súas respectivas comarcas. É o caso dos estaleiros Barreras e o antigo Vulcano, ámbolos dous na ría de Vigo, para os que propón un plan de rescate con participación pública tanto no capital social como na dirección estratéxica, no primeiro caso, e un plan de recuperación da actividade da construción naval nos seus terreos, no segundo.

Da mesma forma, defende un plan de rescate para Alu Ibérica A Coruña -tamén mediante participación pública, cando menos non exista unha sociedade privada que presente un plan solvente e con garantías de futuro- e a esixencia a Xeal, en Cee, do rigoroso cumprimento dos termos das concesións hidroeléctricas relativos ao mantemento do emprego industrial na súa comarca ou, en caso de incumprimento, recuperar as concesións e asumir, aínda que sexa temporalmente, a titularidade das fábricas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG