parlamento galego

BNG propón á Xunta no Parlamento un proxecto integral de mellora para resolver os problemas estruturais do IES Chapela

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández recrimina ao PP a súa negativa, que “o retrata ante a veciñanza”, a unha iniciativa que formula solucións a deficiencias históricas

BNG propuxo á Xunta no Parlamento galego un proxecto completo de mellora das instalacións do IES de Chapela coa dotación orzamentaria necesaria para dotalo dun novo acceso peonil dende a estrada nacional, cubrir a actual pista polideportiva ao aire libre, realizar o estudo e proxecto para a redución do impacto acústico das infraestruturas viarias, así como a revisión do sistema de drenaxe e canalización das augas pluviais, e incrementar o cadro de persoal administrativo.

A iniciativa defendida pola deputada Alexandra Fernández tamén recolle a demanda por parte do Goberno galego ao Executivo estatal do inmediato apantallamento acústico da AP-9 mediante unha solución que comporte o mínimo impacto paisaxístico. Fernández levou deste xeito á Cámara os graves problemas estruturais que “sitúan a este centro á marxe da normativa vixente” e ante os que esixiu a intervención urxente da Xunta.

Así, e ante a nova mobilización anunciada para esta mesma semana fronte ao impacto sonoro da AP9 que sofre a comunidade educativa, recriminou que resulta “escandaloso pensar que os rapaces e rapazas que estarán nas rúas de Chapela sexan xs fillxs dos que xa se mobilizaron hai décadas pola mesma razón”. Neste sentido, reprobou ao PP que se escude agora en que as pantallas acústicas son competencia do Estado, cando a súa instalación foi acordada coa ampliación da AP9 en 2016 mentres Mariano Rajoy presidía o Goberno central. “É o PP o que inaugurou ás présas a ampliación da autoestrada para poder aplicar inmediatamente a suba das peaxes sen que esta e outras actuacións comprometidas se fixeran”, criticou.

A deputada nacionalista tamén advertiu do perigo para a seguridade vial que supón o acceso actual ao centro, así como da urxencia á hora de cubrir o pavillón dado que a sala na que se realizan actualmente as prácticas deportivas non reúne as condicións de hixiene e seguridade necesarias porque é “un soto, que pode servir para almacenaxe”.

Así mesmo, reprobou a actitude do Goberno do PP -repetida con outras iniciativas nacionalistas- de realizar comunicados mediáticos sobre a situación do IES cando vai entrar a debate parlamentario a iniciativa do BNG e nos que, sen embargo, “nunca inclúen compromisos firmes, senón que son un intento de que pareza que está traballando nisto”. Aínda que a proposta nacionalista recolle medidas concretas para dar solucións a problemas estruturais xa históricos neste centro, o PP votou en contra o que, segundo concluíu Fernández, “déixao retratado ante a veciñanza”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG