BNG propón que a transformación do buque civil “Galicia” sexa feita nos estaleiros da ría de Ferrol

Néstor Rego
Néstor Rego
A formación nacionalista exixe solucións ao Goberno do Estado ante a falta de carga de traballo en Navantia

O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra unha iniciativa no Congreso para instar o Goberno a asignar aos estaleiros da ría de Ferrol a transformación en buque de transporte loxístico do buque civil “Galicia” adquirido polo Ministerio de Defensa a finais de 2020.  O BNG reclama solucións ante a falta de carga de traballo para que se manteñan os empregos, tanto en Navantia como na industria auxiliar, até que houber novos proxectos consolidados.

O deputado nacionalista entende que a transformación deste barco, comprado á navieira Suardíaz, pode dar un balón de oxíxeno ao cadro de persoal de Navantia nun momento de grande incerteza pola ausencia de proxectos inmediatos. “A adxudicación da obra de transformación nestes estaleiros permitiría paliar en parte a falta de carga de traballo das instalacións até que se comece a construír a primeira das fragatas F-110” sinala Néstor Rego. “Suporía un considerábel volume de traballo dentro do departamento de reparacións da factoría, enxeñaría, aceiros, habilitación e sistemas para adaptar o buque ás novas necesidades, o que podería garantir 8 meses de ocupación para un número importante de traballadores e traballadoras da comarca de Ferrol, fundamentalmente da industria auxiliar”.”.

A xuízo da formación nacionalista, non existe ningunha razón técnica nin económica para que o proxecto non se poida realizar en Ferrol: “a decisión de se facelo ou non  aquí é de carácter político. O Goberno ten que aclarar se quere deixar morrer economicamente a comarca de  Ferrol ou está disposto a colocar opcións sobre a mesa”, subliña Rego.

O deputado nacionalista asegura que os estaleiros de Fene e Ferrol teñen unha capacidade que non está sendo aproveitada. “Esta obra podería comezarse de maneira inmediata se for preciso e serviría para paliar a perda de postos de traballo que nos últimos meses chegaron ás 2.000 persoas. Non pode ser que deixemos esmorecer as instalacións que temos aí e, con elas, tamén deixemos esmorecer unha comarca enteira como é Ferrol que leva moitos anos nun proceso de devalo económico, industrial e inclusive demográfico”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG