BNG propón a "Tarxeta 30", intermodal e con tarifa plana para axudar á mobilidade das familias ante a subida dos prezos

Presentación Tarxeta 30
Presentación Tarxeta 30

A tarxeta nominativa permitiría desprazarse por toda Galiza vía tren, autobús, barco e taxi rural por un custe de 30€/mes sen límites de viaxes

Pontón: “Axudamos ós galegos e ás galegas ante a crise e fomentamos unha mobilidade sustentable promovendo o uso do transporte público”

O incremento da inflación repercute especialmente na mobilidade das familias, da xente moza e da clase traballadora, ante a carestía dos carburantes ao que se engade o custe das peaxes, entre as máis caras do Estado. Neste contexto, o BNG presenta a denomina Tarxeta 30 Toda Galiza, unha tarxeta plana de transporte intermodal que por un importe mensual de 30 euros permite a calquera persoa viaxar por todo o País vía tren, autobús, barco e taxi rural.

“A necesidade da mobilidade está aí, por razóns de traballo, de ocio, para facer xestións ou ir ao médico, e hai que dar unha resposta ás familias, á clase traballadora e á maioría social á altura da crise prezos que estamos vivindo, tendo en conta que encher o depósito de gasolina tense convertido nun luxo para moitísimas persoas”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón,  na presentación da proposta do Bloque, precisamente desde a estación intermodal de Santiago.

Coa Tarxeta 30 Toda Galiza, ademais de axudar a chegar a fin de mes nunha Galiza con salarios e pensións que están á cola, o BNG tamén promove o uso do transporte público e, polo tanto, unha mobilidade sustentable. “Temos que dar unha resposta á altura do momento”, recalcou a líder nacionalista.

“Este tipo de tarxetas de tarifa plana son habituais en toda Europa”, destacou, e para que saía adiante, “a Xunta ten que chegar a un acordo tanto co Estado como cos concellos, tendo en conta, ademais, que a intermodalidade é moito máis que a posta en marcha dunha infraestrutura, “ten que haber horarios e tarifas atractivas e conexións adaptadas ás necesidades e á realidade das persoas usuarias”.

Pontón destacou que o BNG xa puxo sobre a mesa esta proposta durante o debate da emenda á totalidade dos orzamentos, de tal xeito que incluía unha partida de 50 millóns de euros con cargo ás contas de 2023 para contribuír a sufragar esta tarxeta. “É unha medida importante para axudar ás persoas que peor o están pasando coa crise de prezos, facer unha aposta polo transporte público e fomentar unha mobilidade que non discrimine ás persoas en función do seu nivel de renda”.

A Tarxeta 30 permitiría que con trinta euros ao mes se poda viaxar de xeito ilimitado por toda Galiza a través do transporte público, “pedimos ao PP que acolla esta proposta”, recalcou Pontón, sabendo que unha política integral de fomento do transporte público non se acaba nesta iniciativa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG