O BNG presentou nun acto en Santiago a proposta de reforma do Estatuto para incluír a posibilidade de darlle a Galiza un concerto económico, a vía que a formación nacionalista defende para que este País teña o control do 100% dos seus cartos e poder decidir como y en que gasta, en definitiva, para ter soberanía económica e financeira.
“Desde o BNG queremos darlle a Galiza a chave dos seus cartos para decidir nós sobre os nosos recursos e decidir como gastalos en función das necesidades de Galiza. Hai que quitarlle a chave dos nosos cartos a Madrid para darlla ós galegos e ás galegas: Isto é o concerto económico que propón o BNG”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, durante a presentación da proposta.
Para camiñar na dirección dese concerto económico, o Bloque presenta no Parlamento unha Proposición de lei de reforma do Estatuto e abrir así a opción dun sistema do que xa desfrutan Euskadi e Navarra, “e ben que lles vai”, e que tamén reclama e conseguirá Catalunya. “Galiza non pode ser a única nación que quede atrás”, advertiu Pontón, tras subliñar que este é o momento de facer esta ambiciosa proposta porque está sobre a mesa a negociación dun novo modelo de financiamento autonómico.
Negociación que o BNG considera debe ser de xeito bilateral co Estado para defender un novo modelo que lle permita a Galiza recadar todos os seus impostos, plena capacidade de decisión en materia fiscal e dotarse dunha facenda propia para, entre outras cuestións, conseguir que as empresas que teñen a súa actividade aquí paguen os seus impostos aquí. “E iso vale para as eléctricas, para a banca e para as multinacionais, moitas das que, por riba de usar os nosos recursos naturais, pagan os seus impostos en Madrid, un espolio e hai que poñerlle fin”, recalcou Pontón.
No modelo de concerto económico que propón o BNG, Galiza será quen faga as contas co Estado e non ao revés, transferíndolle a Madrid o pago dos servizos comúns que preste no País, en definitiva, “un novo status financeiro acorde co noso recoñecemento como nación que evite que quedemos atrás ante a actual encrucillada, porque mentres o mundo acelera o pulso e mentres outras nacións avanzan, Galiza non pode quedar parada ou retroceder”, alega a líder do BNG.
Para darlle ao País a soberanía financeira e fiscal dun concerto económico primeiro hai que reformar o Estatuto para incluír esa posibilidade, de aí a proposición de lei do BNG, para abrir as portas a un sistema de financiamento que implique tres grandes medidas: Territorializar o sistema fiscal para lograr capacidade de recadación e capacidade normativa plena; crear unha axencia tributaria propia con capacidade de xestión, recadación, inspección e sanción e establecer que todas as empresas que traballen aquí ou exploten os recursos naturais paguen impostos na aquí.
Goberno antigalego e desleal
“Esta é unha proposta que pensa Galiza en grande, subliñou Pontón, porque fronte a un PP que ve unha Galiza bonsai, no BNG vemos Galiza como un gran carballo milenario, con raíces fondas e con novas e vigorosas pólas”, destacou, para criticar a falta de ambición do goberno de Rueda, un presidente “antigalego e desleal”, empeñado polo seu servilismo a Madrid en manter con meros retoques cosméticos o actual sistema de financiamento que lle fai perder ao País miles de millóns de euros cada ano.
O BNG quere deixar atrás ese modelo, “un traxe vello e estreito que limita as posibilidades de Galiza porque está feito á medida do egoísmo centralista”, que fai que Galiza perda cada ano máis de 5.000 M€. Porque lonxe da falacia de que Galiza é pobre e vive da solidariedade de Madrid, é o Estado quen fai caixa con Galiza recadando moito máis do que despois retorna vía investimento e financiamento. Segundo os datos de 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 M€ en Galiza, mentres aportou 10.041 M€.
Trasladar o debate á sociedade
Fronte a un goberno do PP que non confía no País, “o BNG presenta unha alternativa ambiciosa, sen complexos, desde a confianza no potencial de Galiza , a proposta de ter a chave dos nosos cartos cun concerto económico que nos permita decidir aquí sobre o noso, en lugar de que decida Madrid por nós e en contra de nós”, recalcou Pontón.
A líder do BNG rematou deixando claro que ademais do traballo institucional é preciso trasladar o debate á sociedade, explicando as razóns e a xustiza da proposta “que non é nin máis nin menos que, dunha vez por todas, empezar a usar os nosos cartos a favor de Galiza e da súa xente”.
Infrafinanciación dos concellos
No acto de presentación da proposta de concerto económico tamén participou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que puxo o foco no “infrafinanciamento” dos concellos pese a que cada vez prestan máis servizos e se ven obrigados a asumir máis competencias, mesmo as que non lle son propias, para responder á cidadanía por outras administracións que non compren.
Pola súa parte, a portavoz parlamentaria de facenda, Noa Presas, fixo fincapé na necesidade de desenmascarar a falacia da Galiza “pobre e subsidiada” e reprochou a submisión e a deslealdade dun goberno do PP que, en materia de financiamento, nin sequera é capaz de aceptar a quita de 4.000 M€ de débeda pública lograda polo BNG no acordo de investidura.