BNG propón potenciar a biodiversidade cun fondo de protección da natureza de 100 M€ e ampliar a Rede Natura

Encontro ecoloxismo
Encontro ecoloxismo
Encontro con colectivos ambientalistas e ecoloxistas para abordar a situación e intercambiar propostas para a preservación do territorio

A portavoz nacional, Ana Pontón,  e o portavoz parlamentario de medio ambiente, Luís Bará, mantiveron un encontro con representantes de entidades ambientalistas e ecoloxistas para abordar a urxencia de preservar a biodiversidade, “un escudo protector para as persoas, para o planeta, unha especie de seguro de vida colectivo”, explicou a líder do BNG, “e aí está a pandemia para demostrarnos que a biodiversidade é tamén unha vacina contra novas crises sanitarias e  tamén o antídoto contra a emerxencia climática”.

Pero o goberno do PP “vai na dirección contraria”, denunciou Pontón,  “aplicando a política da degradación, destrución, depredación, as tres des, poñendo a riqueza natural do País nas mans de grandes lobbies forestais, enerxéticos ou mineiros que actúan como goberno a sombra, logrando que o PP lexisle “contra natura” para favorecer os seus intereses destes poderes económicos, mentres se desprotexe o territorio e o hábitat.

“A sociedade e o sentido común piden protexer a biodiversidade e o territorio”,  alegou Pontón, antes de explicar algunhas das propostas do BNG.

Empezando por crear por lei un Fondo de protección da natureza dotado de 100 millóns de euros ao longo da lexislatura, para dinamizar as áreas protexidas, loitar contra o cambio climático, contra os lumes e para financiar actuacións dirixidas a protección, conservación e dinamización ambiental.

A segunda proposta é ampliar a rede natura 2000, tendo en conta unha realidade que sitúa a Galiza á cola con só o 12% de superficie protexida fronte á media estatal do 20%, “e as zonas susceptibles de formar parte da rede natura deben quedar automaticamente excluídas de proxectos forestais ou eólicos”.

En terceiro lugar, o BNG propón unha Estratexia galega de infraestrutura verde para facilitar a conectividade ecolóxica en lugar da fragmentación, así como a aposta por un plan de conservación das especies ameazadas, “porque en Galiza hai 201 especies ameazadas pero só tres teñen plan de recuperación pese a ser obrigatorio por lei”, indicou.

“Son propostas no ámbito da biodiversidade ante un debate no que hai que avanzar e fronte a un Goberno do PP que camiña na dirección contraria ao sentir da sociedade”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG