A portavoz de Facenda, Noa Presas, adiantou que o BNG vai reclamar a mobilización de 2.241 millóns de euros nos Orzamentos de 2026 para abordar as grandes necesidades e problemas do País, tendo como gran obxectivo o de salvar os servizos públicos da “demolición” que está levando a cabo o Goberno do PP.
“Nunca antes houbo tal situación de colapso, manifestacións e malestar no servizos públicos esenciais, furtados polo afán privatizador do PP”, denunciou Presas, aludindo á “folga histórica do profesorado”, ás mobilizacións no sector dos coidados, residencias e SAF, ao paro convocado en Atención Primaria ou ás protestas de traballadores e traballadoras das casas niño, das escolas infantís o do sector da discapacidade, entre outras. “O piar máis importante da nosa sociedade está na peor crise da súa historia”, advertiu.
Diante dunha “situación límite” froito da “incompetencia” da Xunta do PP, o BNG presentará no debate de Presupostos do luns unha emenda á totalidade, cunha alternativa política vertebrada en 60 propostas para atallar as dúas “grandes urxencias” da Galiza de 2026. Por unha banda, abordar a modernización dos sectores estratéxicos, as consecuencias dos incendios e a necesidade dun cambio de modelo co Plan da Cinza á Vida para preparármonos para a crise climática. E, pola outra, abordar a situación dos servizos públicos colapsados.
No ámbito da sanidade, a alternativa nacionalista propón incrementar en 55 M€ a partida para a Consellería, até acadar os 480 M€. En concreto, inclúe 250 M€ para un novo modelo de Atención Primaria que contemple a incorporación de novas categorías profesionais (psicoloxía clínica, terapeutas ocupacionais ou logopedas) e unha aposta decidida para atender a saúde mental, con 7 millóns para a contratación de 100 profesionais de Psicoloxía e 10 máis para un plan urxente de atención a este tipo de doenzas e prevención do suicidio. O Bloque propón ademais mobilizar 40 M€ para que todas as áreas sanitarias teñan unha Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil.
Fronte a un PP que gasta máis en débeda que en política social e que renuncia á quita de 4.000 M€, o proxecto orzamentario do BNG contempla neste eido un incremento de 84 M€, tal e como adiantou Presas, subliñando entre outras partidas a de 30 M€ para o Plan Galiza Coida e para poñer “punto e final ás vergoñas que acabamos de ver nas residencias de Amoeiro, Xinzo ou Monforte”.
Tamén en Política Social, o Bloque reclamará 15 M€ para ampliar o Servizo de Atención no Fogar (SAF), para o que a Xunta vén de facer unha proposta que é “unha auténtica tomadura de pelo” e que demostra que a súa intención é “externalizalo” e “deixar os coidados nos asistencialismo”.
Entre outras propostas para facer fronte aos recortes do PP, a deputada nacionalista destacou tamén a de destinar 1 de cada 100 euros dos Orzamentos da Xunta á loita contra a violencia, ata acadar 140 M€, quince a maiores para rescatar os servizos privatizados, como o centros de crise 24 horas ou os CIM móbiles (en proceso).
Máis apoio á universidade pública e ao alumnado con NEAE
Para abordar os grandes problemas que ten o ensino hoxe en Galiza, a alternativa nacionalista incrementa o orzamento en 137 millóns, dos que 50 serían para a mellorar a financiación da Universidade pública fronte aos plans do PP que, dixo Presas, “alenta á privada”, como vimos de comprobar esta semana co anuncio por parte da Universidade de Abanca de implantar a novena titulación de Enfermería do País e, no futuro, Biomedicina.
Tamén en Educación, o BNG inclúe 10 M€ para un plan de mellora da atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), que a Xunta “ten abandonado”, e outros 10 millóns para que o profesorado recupere as condicións laborais “precrise”.
Insuficientes nas contías, mediocres nas propostas
Noa Presas insistiu en que os orzamentos presentados polo Goberno de Rueda son “insuficientes nas contías e mediocres nas propostas”. Insuficientes, explicou, porque a subida dun 2 % non cobre a inflación de 2024 (2,7 %) e non chegarán para manter os servizos públicos sen recortes, e insuficientes porque ignoran grandes problemas do País, como o fracaso do modelo forestal e o avance da eucaliptización do País, a necesidade de impulso industrial e innovador ou de máis políticas dirixidas os galegos e galegas que peor o están pasando.
Pola contra, denunciou Presas, o PP opta nos orzamentos pola privatización de servizos esenciais (a metade das partidas para dependencia vai para pagar prazas na privada, por exemplo), por políticas en favor “dos grandes lobbys” e por un modelo fiscal para ricos que o BNG quere cambiar por unha reforma verdadeiramente distributiva”.