PARLAMENTO GALEGO

BNG propón unha mesa galega do emprego en Inditex para negociar a recolocación de persoal derivada do seu cambio de modelo de negocio

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández considera que, de negociarse en Galiza, o proceso sería menos prexudicial para as traballadoras e advirte do seu especial impacto sobre Ferrol
BNG propón unha mesa galega do emprego en Inditex para negociar a recolocación de persoal derivada do seu cambio de modelo de negocio

O BNG propuxo no Parlamento galego a constitución dunha mesa galega do emprego no ámbito do Grupo Inditex para negociar a recolocación de persoal derivado do seu cambio de modelo de negocio. “O peche de tendas do grupo e o proceso de recolocación do persoal afectado podería ser moito menos prexudicial se a negociación se producise en Galiza”, asegurou o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, logo de advertir de que o acordo alcanzado a nivel estatal polo grupo téxtil coas centrais sindicais CCOO e UGT para afrontar este proceso “é un acordo desenfocado”.

Na defensa desta iniciativa ante a comisión parlamentaria de Industria, Fernández indicou que o pacto ignora, por unha banda, que o 100% do persoal afectado son mulleres e que as condicións acordadas penalizan precisamente de forma especial a quen teña necesidades de conciliación e, por outra, que Inditex podería realizar axustes ou cambios sen provocarlles prexuízos a ninguén. “É o que determinou que o persoal en Galiza optara por non asinar ese acordo na medida, en que de feito, si vai provocar prexuízos ao persoal”, recalcou.

Para o deputado nacionalista, esta situación evidencia novamente que o Goberno está desaparecido e que dous ministerios con competencias na materia, os de Traballo e Igualdade, “supostamente en mans da esquerda radical, o único que ofrecen nestas situacións son sorrisos e boas palabras”, reprochou.

Neste contexto, apuntou á especial incidencia que terá o peche de tendas de Inditex en Ferrol, cun impacto directo no centro comercial Odeón e tamén no centro da cidade, no que tamén pecha as súas portas o establecemento doutra cadea, Mango, movementos empresariais que, segundo advertiu, “resultan ben elocuentes sobre a nula confianza que teñen na recuperación da cidade e da comarca”. “Que ten que pasar en Ferrol para que os gobernos se decidan a actuar?, Un maremoto?”, cuestionou con severidade.

Logo de repasar con distintos exemplos a grave situación económica que vive Ferrolterra, o portavoz nacionalista asegurou que esta fuxida de tendas “non é máis que outra consecuencia desa cruz no mapa que puxeron sobre Ferrol hai 40 anos e que hoxe nin PP, nin PSOE están dispostos a levantar” e apelou á necesaria e urxente intervención dos gobernos en materia laboral.

Neste sentido, incidiu en que no caso de Inditex, “se a negociación se producise en Galiza, coa participación dos departamentos de Traballo e Igualdade e, como marca a normativa, con todas as cartas sobre a mesa -cousa que non está a acontecer porque a empresa comunica os peches das tendas por fases, trimestralmente, o que significa que o persoal descoñece cando opta por un determinado destino se ese novo destino está libre de pechar ou non nunha fase posterior- o proceso podería ser moito menos prexudicial para as persoas afectadas”.

Segundo concluíu Fernández, a recolocación sería moito menos prexudicial “se non se ignorase deliberadamente o feito de seren mulleres as afectadas” e “sobre todo, sería moito máis doada se non se deixasen á marxe deste proceso postos de traballo e actividades que a empresa hoxe por hoxe está externalizando”. A iniciativa nacionalista, que tamén propuña a intervención da Xunta para garantir a recolocación do persoal afectado coas mesmas condicións, non prosperou polo voto negativo do PP e a abstención do PSdeG.

BNG propón unha mesa galega do emprego en Inditex para negociar a recolocación de persoal derivada do seu cambio de modelo de negocio