BNG propón crear unha mesa da automoción e desenvolver un plan para diversificar o sector e incorporar novos actores

Mon Fernández
Mon Fernández

Mon Fernández reprocha á Xunta a súa falta de alternativas á planta de baterías en Barcelona, mentres outros territorios teñen propostas propias

Advirte ao Goberno galego que son obrigadas políticas industriais para afrontar con garantías os retos derivados das novas formas de mobilidade 

BNG propuxo no Parlamento galego a creación dunha Mesa Galega da Automoción e a posta en marcha dun Plan pola Automoción, co obxectivo de abordar os retos de futuro que debe afrontar o sector ante as novas formas de mobilidade.

Segundo explicou o portavoz nacionalista de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, a mesa -que estaría integrada pola Xunta, o clúster, as universidades e os sindicatos- permitiría consensuar e marcar obxectivos estratéxicos de país para o sector, mentres que o Plan Galego pola Automoción, basearíase, primeiro, en promover a instalación en Galiza de novos actores e actividades industriais relacionados co sector, que rachen coa excesiva dependencia actual dun único gran fabricante (PSA-Citröen, agora Stellantis), e que garantan a produción de aqueles compoñentes críticos e de máis valor engadido en función dos novos sistemas de mobilidade.

En segundo lugar, Fernández, defendeu o impulso dunha tarifa eléctrica galega competitiva que reverta no sector industrial do país os beneficios de ser produtores de electricidade e, por último, avogou por impulsar un pacto polo emprego no sector que garanta a protección da saúde, o rexuvenecemento dos cadros de persoal, a contratación por xornadas completas, e a aplicación do convenio provincial do metal para empresas sen convenio propio como chan salarial.

O deputado nacionalista presentou esta iniciativa en pleno parlamentario ante a “profunda preocupación pola situación e o futuro dun sector importantísimo para a economía galega” e ante a necesidade de desenvolver políticas e actuacións “moito máis decididas para conseguir consolidar a actividade industrial e o emprego”.

Neste sentido, recordou que outros territorios como Estremadura, Euskadi ou Valencia teñen posto en marcha plans propios ante o anuncio do Goberno central da instalación dunha nova planta de baterías en Barcelona. Fernández afeou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que dixera no seu día que grazas á Xunta se corrixira unha inxustiza e que agora se vai abrir un proceso competitivo para a instalación desta fábrica.  

“Case era mellor que no dixera nada, porque iso non llo cree ninguén”, reprobou, para engadir a continuación que “o resto do Estado da por feito que a planta vai para Barcelona e procuran outras alternativas, mentres a Xunta segue a velas vir”. “Apoiará o que veña, sen máis; ou dito doutro xeito, o que diga Citröen, como toda a vida, como se aquí non pasara nada”, recriminou.

O portavoz nacionalista de Industria criticou a falta de políticas industriais e de previsión do Executivo de Núñez Feixóo e que no sector da automoción, en concreto, resulta moi preocupante ante retos como a chegada do coche eléctrico -coa desaparición dos motores eléctricos que vai afectar a Galiza-, as novas formas de mobilidade -que afectarán ao volume da produción- ou o incremento da robotización do sector -que impactará no emprego-.

Así, criticou que mentres países como Francia ou Alemaña xa teñen previsión dos postos de traballo que se van perder e plans para dirixir man de obra, instalacións e infraestruturas excedentes cara a produción dos novos compoñentes que os novos vehículos van demandar, aquí reina a ausencia de previsión, planificación, iniciativa e plans de actuación.

Ante o veto do PP á proposta nacionalista, Fernández concluíu que a falta de iniciativa do Goberno galego “é un feito”. “Non existía e non existe por parte da Xunta, ningunha iniciativa para instalar nin fábricas de celas de baterías eléctricas, nin fábricas de semicondutores, nin fábricas de pilas de hidróxeno, nin de motores de tracción, nin de cargadores de abordo, nin de novos sistemas de tracción, nin de controladores ou de portos de cargas...os novos compoñentes, e fundamentais, dos novos modelos de vehículos”, exemplificou para evidenciar que a política do Executivo do PP para o sector da automoción “remata na concesión de subvencións, sen ningún plan e sen preocuparse de garantir un retorno para a sociedade que fai posible esa achega económica”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG