A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, defenderá este martes no Pleno do Parlamento unha proposición de lei para a creación dunha fundación galega da ciencia, a Innogal, como organismo público que permita facer da I+D+i un sector estratéxico de País e unha panca para o seu desenvolvemento económico e social.
Trátase dunha proposta que o BNG elaborou “man a man” cos distintos axentes do ecosistema investigador galego, segundo destacou Rodil, e que implicaría o deseño dunha carreira investigadora “estábel e en todas as súas etapas”, desde a fase de formación até a de consolidación. Innogal, afondou, permitiría desenvolver “un programa de recursos humanos dirixido a reter e atraer talento investigador para poñelo ao servizo do desenvolvemento social e económico de Galiza”.
A formación nacionalista defende que a xeración de coñecemento, a ciencia e a investigación, son un sector estratéxico no que Galiza “ten que estar entre os mellores do Estado e de Europa”. “Mais tristemente, a día de hoxe, non e así, a pesar do enorme esforzo feito polo sector nos últimos anos e os avances conseguidos”, lamentou Rodil.
A portavoz de ciencia do BNG criticou, neste punto, o escaso investimento que Galiza fai en materia de I+D+i, tan só un 1,1 % do Produto Interior Bruto (PIB), “lonxe da media do Estado, do 1,4 %, e a anos luz do 2,3 % de investimento europeo”, salientou.
É por iso que a través da proposición de lei, o Bloque defenderá no pleno desta semana que a xeración de coñecemento ten que ser un sector produtivo fundamental para o presente e o futuro de Galiza, para o que preciso que o Goberno do País garanta un investimento estábel e suficiente, máis tamén un programa de recursos humanos integral que abranga todas as etapas da carreira investigadora “dando certezas e un horizonte profesional claro e planificado”.
A fundación que se propón na iniciativa lexislativa, Innogal, concíbese como un organismo público desde o que as persoas investigadoras e todos os axentes sociais que conforman o ecosistema galego de I+D+i poidan contribuír á xeración de coñecemento, impulsando tanto a ciencia básica como a aplicada, “tecendo sinerxias e procurando unha xestión máis eficaz e eficiente tanto dos recursos económicos como humanos e materiais”, tal e como se apunta na exposición de motivos.
O BNG considera fundamental, neste sentido, por no centro das políticas en materia de ciencia e investigación as persoas, promovendo as condicións laborais necesarias para reter o persoal investigador formado en Galiza, máis tamén captando talento de excelencia e permitindo o retorno do talento emigrado cara a outros países do mundo.
Ademais de funcionar como elemento dinamizador do ecosistema investigador galego, Innogal serviría para impulsar a cooperación entre centros e grupos de investigación públicos, as tres universidades públicas, os centros tecnolóxicos e o tecido produtivo do País. Trátase, ademais, dun organismo para superar a fragmentación da política de I+D+i e para crear a figura de persoal investigador.
“Precisamos novas ferramentas que nos permitan avanzar como país e esta fundación da ciencia,a Innogal, é unha delas”, concluíu Olalla Rodil.