Parlamento Galego

BNG propón aumentar o orzamento de Augas de Galiza e un Plan de adaptación dos recursos hídricos para afrontar as secas

Montse Valcárcel
Montse Valcárcel

Montserrat Valcárcel critica ao PP o recorte orzamentario en Augas en pleno cambio climático, cunha seca crecente e incendios extremos

Axudas extraordinarias para sectores e núcleos afectados e modernizar as infraestruturas rurais de abastecemento, entre as propostas do BNG

A deputada nacionalista Montserrat Valcárcel defendeu no Parlamento un paquete de medidas para facer fronte ás futuras secas que, lamentablemente seguirán chegando tras a desta verán, da que advertiu “non foi un episodio illado”, senón “a manifestación visible dun cambio climático que xa está aí”.

Fronte a este “novo normal” climático que xa chegou, Valcárcel reclamou ao Goberno do PP na comisión parlamentaria de Medio Ambiente que actúe e se anticipe e defendeu na súa proposición non de lei as propostas do BNG neste ámbito de actuación.

A comezar por incrementar “de forma significativa e sostida” os orzamentos de Augas de Galiza, especialmente nos anos 2027 e 2008, aliñándoos con proxeccións climáticas reais e coas necesidades de modernización de infraestruturas. En concreto, propuxo un aumento dun 15-20% anual en gastos de capital para adaptación climática.

Neste sentido, criticou o infrafinanciamento de Augas, cun orzamento para 2026 de 151,7 millóns de euros, insuficiente para cubrir a modernización de redes rurais dos anos 60 e 70 que non resisten cambios climáticos; manter 18 corpos de auga subterránea -sistemas desconectados, cada un con problemas específicos-; garantir os caudais ecolóxicos fronte á retención cada vez maior de auga; adaptar as infraestruturas de abastecemento urbano, moitas das que sufriron restricións; recuperar sistemas de rega para o sector agrogandeiro ou desenvolver plans de anticipación e monitorización de seca, agora imprescindibles.

“Todo isto é imposible con 151,7 millóns, simplemente non dá”, advertiu, para afondar a continuación na incoherencia orzamentaria dun Executivo de Alfonso Rueda que presenta unhas contas decrecentes fronte a unha crise crecente, reducindo o orzamento de Augas de 136,2 millóns en 2027 e 2028.

“Fronte á seca crecente, a desertificación acelerada, os incendios extremos e o cambio climático, a Consellería de Medio Ambiente reduce os orzamentos”, sintetizou logo de recordar que os científicos alertan do cambio do ciclo da auga en Galiza e dunha “desertificación da terra verde”, coa que o País xa está a cambiar dun clima morno e húmido cara a un clima semiárido.

“Non vai ser a desertificación tipo Sáhara, loxicamente, é unha desertificación chamada desertificación verde, con paisaxes que parecen vivas, pero que están degradadas”, afondou para pedir ao Goberno do PP que actúe con previsión, rectifique e incremente os recursos orzamentarios de Augas de Galiza.

Neste contexto, a responsable parlamentaria de Montes e Ciclo da Auga propuxo en segundo lugar a elaboración dun Plan Extraordinario de Adaptación e Xestión dos Recursos Hídricos que contemple as proxeccións climáticas internacionais, as secas recorrentes e períodos de variabilidade extrema, a realidade de acuíferos pequnos en Galiza e a vulnerabilidade de comarcas e núcleos urbanos en risco.

En terceiro lugar, avogou por modernizar as infraestruturas rurais de abastecemento e saneamento, transferindo fondos e tecnoloxía aos municipios que teñan sistemas obsoletos, moitos deles mesmo dos anos 60 e 70.  “Establecer fondos de transferencia directa aos concellos para modernización”, sintetizou.

Como cuarta medida, avogou por activar axudas extraordinarias para o sector agrogandeiro e para fogares urbanos afectados por seca, nomeadamente para explotacións agrarias e gandeiras, de apoio ao sector turísticos e para garantir o abastecemento cidadán en cidades e vilas afectadas, así como fondos de amortización das débedas agrícolas acumuladas pola seca.

Valcárcel tamén defendeu o desenvolvemento de campañas de sensibilización e educación sobre a auga, fomentando o seu uso responsable en contexto de escaseza, e o reforzo da cooperación institucional e científica con concellos, universidades, CSIC e organismos internacionais para a monitorización e anticipación de episodios de seca.

Por último, considerou preciso garantir a transparencia e rendición de contas na xestión de fondos dedicados á adaptación climática, con informes públicos trimestrais sobre o estado dos acuíferos, as precipitacións ou a demanda.

“Todo isto porque non defendemos aquí partidas orzamentarias, defendemos a viabilidade dunha terra que durante séculos foi símbolo de verdor e vida”, subliñou para advertir a continuación que a auga non pode ser nin un luxo, nin un factor de desigualdade, senón que ten que ser “un dereito garantido para todas e todos, hoxe e para o futuro”.

Se Galiza quere seguir sendo unha terra próspera, igualitaria e viva, alegou, debe poñerse á vangarda das políticas de adaptación climática, “con orzamentos que o demostren, con accións concretas e con ciencia que nos guíe”. “Porque mirar para outro lado mentres a crise aperta é condenarnos a repetir episodios como o que xa sufrimos”, concluíu na defensa dunha iniciativa que non prosperou polo veto do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG