BNG propón aumentar o investimento para Vigo en máis de 72 millóns de euros nos Orzamentos do Estado

Néstor Rego e Xabier P. Igrexas
Néstor Rego e Xabier P. Igrexas

Néstor Rego demandará do Goberno do Estado unha aposta decidida para finalizar a saída sur de Vigo que permita conectar a Galiza con Portugal: “acabou o tempo de estudos. É a hora de compromisos e actuacións reais”

A frente nacionalista aposta pola implantación do servizo de cercanías ferroviarias nas cidades da Galiza e as súas áreas de influencia que, no caso vigués, daría cobertura a máis de 750.000 habitantes

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e os vigueses estamos fartas de anuncios, de promesas incumpridas polos sucesivos gobernos españois de PSOE e do PP. É hora de pasar das palabras aos feitos no BOE”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz e candidato á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, avanzan as emendas rexistradas nos Orzamentos do Estado para 2023 valoradas en máis de 91 millóns de euros. A frente nacionalista defende a necesidade de implantar o servizo de cercanías ferroviarias nas principais áreas metropolitanas do País como a de Vigo, que daría cobertura a más de 750.000 habitantes, e rematar a construción dos 30 quilómetros que permitirían conectar a Galiza con Portugal. Así mesmo, rexistran emendas para dar resposta aos diversos problemas que atravesa Vigo: tramo urbano da AP-9, solucionar a crise industrial –sobre todo no ámbito naval- ou un plan dinamizador do aeroporto do Peinador, entre outras.

“A conexión de alta velocidade Vigo-Porto é estratéxica para o desenvolvemento social e económico da Galiza” comeza o deputado do BNG anunciando a emenda que reclama unha partida de cando menos 15 millóns de euros para dar un impulso decidido ao treito de 30 quilómetros até Tui no vindeiro exercicio económico. Néstor Rego denunciou o nulo compromiso do Goberno español na cimeira ibérica celebrada a pasada sexta feira en Viana do Castelo: “levan anos con estudos mais non existen partidas específicas para levar a cabo o proxecto. O único que din é que estará, sen problema, antes de 2040”.

Así mesmo, lembra que o Goberno luso ten fixado xa de forma pública a priorización do Eixo Atlántico e a conexión coa Galiza mais “o Goberno español continúa empeñado en desouvir o clamor social que existe no País. Reclamaremos garantir a conexión por tren entre Vigo e Porto en 20230. . É a hora de compromisos e actuacións reais”.

En materia ferroviaria, a frente nacionalista tamén demanda a implantación de servizo de cercanías ferroviarias nas principais cidades e as súas áreas de influencia. “Áreas urbanas como a de Vigo-Pontevedra teñen uns 750.000 habitantes mais non conta con este tipo de servizos, mentres que outras cidades do Estado con menos de 270.000 si que gozan do tren de proximidade” denuncia o deputado nacionalista. Vigo precisa dun tren de cercanías que conecte, polo sur, con Tui e, polo norte, coa cidade de Pontevedra.

Rectificar unhas contas insultantes coa maior cidade da Galiza

Para alén de subliñar a importancia de corrixir a fondo as previsións en materia ferroviaria, Igrexas puxo en valor que as emendas do BNG queren dar resposta tamén ao encaixe urbano da AP9 na cidade, abordando a mellora e ampliación dos pasos elevados da Trapa e da Xorxa e incluíndo tanto a instalación de pantallas acústicas en Teis como a conversión en tramo urbano da autoestrada desde Torres de Padín. Aliás, considerou “imprescindíbel e irrenunciábel” o soterramento da VG20 para que deixe de tronzar o eixo Navia-Coia e para poñer solución a un dos puntos de maior contaminación acústica da cidade.

Co obxectivo de enfrontar desde “unha decidida intervención pública” o grave devalar industrial que acusa a cidade e o conxunto da comarca, desde o Bloque demandan o despregamento dun Plan de reactivación industrial e produtiva, dotado con 10 millóns de euros, ao que se sumaría a posta en marcha do Centro de Reparacións Navais, con outros 3 millóns. Para reforzar a aposta pola investigación e a innovación, as nacionalistas demandan tamén máis recursos para a industria do picosatélite, e para a modernización das instalacións do Centro Oceanográfico de Vigo e mais do Instituto de Investigacións Mariñas.

No ámbito da mellora das infraestruturas de comunicación, as emendas nacionalistas tamén inclúen un Plan de Dinamización do Aeroporto de Peinador, para o que reclaman 2,5 millóns de euros, ademais da mellora da súa conexión viaria coa AP9 e o desenvolvemento dunha área loxística que permita desenvolver as potencialidades da terminal aeroportuaria en transporte de mercadorías.

Igrexas salientou tamén a aposta do BNG por reclamar do Estado máis compromiso coa cidade en materia ambiental, destacando as propostas para a realización dunha auditoría da rede de subministro de auga potábel, a posta en marcha dun estudo para a mellora da calidade da auga na Ría de Vigo, a instalación dunha pantalla vexetal na EDAR do Lagares, ou actuación para a recuperación e valorización ambiental nas Illas Cíes. Aliás, destacou a inclusión dunha partida para culminar a recuperación do dominio público marítimo-terrestre na illa de Toralla co desenvolvemento dunha senda litoral en todo o seu perímetro para “devolvela ao conxunto da veciñanza”.

Completan as emendas a proposta de destinar máis investimento estatal ao apoio do Museo de Arte Contemporánea, a aumentar a partida dedicada á mil veces prometida biblioteca do Estado e para a recuperación da Panificadora.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG