parlamento galego

BNG propón un acceso apropiado ao Polígono industrial de Areas afectado polas obras da vía rápida Tui-A Guarda

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará denunciou  que o actual “funil”, de 8 metros, impide o cruce de dous vehículos articulados  e reclamou un acceso “nas mellores condicións”, despois de 58 M€ de investimento

Lamentou que o Partido popular non escoite as reclamacións da veciñanza e cualificou de “chapuza” o acceso ao polígono industrial

A través dunha pregunta ao goberno, o deputado do BNG, Luís Bará  reclamou facilitar un  acceso apropiado ao polígono industrial Areas afectado polas obras da  rápida Tui- A Guarda.

O parlamentario explicou que o polígono  naceu hai varios anos cun problema de acceso  que obrigaba en moitas ocasións a acceder a través dun centro comercial contiguo.
Esta situación, dixo,  motivou que na parroquia de Areas dende hai anos, se produzan tapóns que “colapsan o acceso” á zona comercial e á zona industrial. A veciñanza de Areas, de Randufe e do propio núcleo de Tui, entenderon que
eses colapsos  poderían  solucionarse coas obras da vía rápida Tui- A Guarda,  cun investimento inicial  de 21  millóns de euros.

Para o deputado, o goberno, lonxe  de aportar unha  solución, habilitou un paso de escasos 8 metros, nos que a duras penas pode cruzar un turismo con outro. A   xuízo, do deputado, este acceso é “unha verdadeira chapuza” no paso de conexión da Autovía 55 ao polígono de Areas en Tui.

O parlamentario amosou diversas fotografías para demostrar que resulta imposible o tránsito de tráfico pesado que pretende acceder ao polígono polo que preguntou se a consellería de Infraestruturas é consciente das dificultades do tráfico e das persoas que deben utilizar unha beirarrúa de 50cm que cualificou de “ilegal”.

Unha simple visita ao lugar, dixo o nacionalista,  constata que estamos ante unha deficiente xestión e unha “actuación esperpéntica” dunha obra que ascende na actualidade a “33 millóns de euros” e de non incluír  unha rectificación , “hipotecará  o futuro da mobilidade de miles de veciños da contorna e  do propio polígono industrial de Areas”.

O actual funil, explicou, forma parte dunhas obras que superan os 31M€ de investimento e unha obra con dúas adxudicacións á mesma empresa. As obras foron paralizadas durante oito anos e a Xunta volveu a adxudicar as obras a mesma empresa, “Copasa”.

Naquel momento,  engadiu Bará, os planos recollían a construción de dúas rotondas e un vial que pasa por debaixo da autovía, supostamente de dobre dirección pero a realidade, é  “un tubo polo que non pasan dous coches ou un camión articulado”.

Tras a resposta da conselleira de Infraestruturas, Ethel  Vázquez que non anunciou ningunha rectificación  do acceso ao polígono industrial, o deputado do BNG recomendou á conselleira que visite a zona para explicarlle aos veciños que a previsión da Xunta era unha dobre rotonda con un dobre carril, e isto non se vai facer. “Non sigan enganando a xente, non a estafen”.

O deputado pediu á titular de infraestruturas que “non mire para outro lado” e non agarde a que poida empotrarse un vehículo articulado pola falta de espazo. Están a tempo, rectifiquen porque despois de 58 millóns investidos están obrigados a facer unha obra “en condicións” e cun acceso apropiado ao polígono industrial. “Non permitan esta chapuza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG