BNG propón abrir unha negociación co Estado para conseguir todas as transferencias pendentes

Ana Pontón
Ana Pontón

O obxectivo é acabar co “triste balance” de 12 anos de Feixoo con cero novas competencias

Pontón pide a Feixóo que non traslade a Galiza a “crispación madrileña” e que canalice a “belixerancia” que mostra co BNG a defender o País

Reclama prudencia ante unha eventual desescalada para evitar a 4ª onda e reitera que o presidente da Xunta debe explicar o proceso de vacinación

Sinala a Sánchez Izquierdo como máximo responsable do grave incidente machista na TVG e, polo tanto, debe dimitir

BNG considera necesario superar o actual marco institucional dun Estatuto que, tras 40 anos, demostrou non ser unha ferramenta suficiente para solucionar os problemas estruturais do País: crise demográfica, emigración, precariedade e baixos salarios, desertización industrial, espolio dos recursos, debilidade dos servizos públicos, declive no uso da propia lingua, entre outros.

“Hai que mudar o rumbo, dar un paso adiante deixando no faiado un traxe que quedou pequeno”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, na comparecencia posterior á reunión do Consello Nacional. O obxectivo é dotar “a Galiza do século XXI dun Estatuto de nación do século XXI”, alegou, quen traslada esa necesidade de avanzar cara unha Galiza soberana a través dunha dobre proposta.

Abrir un debate sereno no Parlamento, “unha vez deixemos atrás a pandemia e as súas consecuencias, co obxectivo de darnos unha nova folla de ruta institucional para construír a Galiza do futuro”, explicou. E, ao mesmo tempo, este reto “non nós impide reclamar a apertura inmediata dun proceso de negociación bilateral co Estado para conseguir todas as competencias pendentes”.

Pontón entende que “hai que poñer fin ao triste balance de doce anos de Goberno de Feixóo sen un soa nova transferencia, facer efectivo algo tan básico como que se cumpra a lei e se transfiran a Galiza todas as competencias pendentes que, 40 anos despois, aínda están en mans do Estado”, explicou.

O Consello Nacional tamén analizou a situación política marcada pola “crispación do centralismo madrileño”, -agudizada pola convocatoria electoral-, que “afonda no descrédito da política xusto nun momento no que debe ser instrumento para dar solucións aos problemas reais da sociedade”, alegou a portavoz nacionalista.

Unha crispación centralista “da que se está contaxiando o PP de Feixóo quen, en medio dunha pandemia, con graves problemas de xestión e con miles de cidadáns en situación límite, decide lanzarse a atacar ao BNG e a súa portavoz, embarrando o debate e facendo de oposición da oposición, cando os galegos e galegas lle pagan para gobernar”, denunciou Pontón.

Para a dirixente nacionalista, a actitude do presidente da Xunta de sumarse á crispación madrileña e atacar ao BNG só ten dúas explicacións: ou pretende tapar os graves erros da súa xestión da pandemia ou quere marcar perfil ao darse conta que na súa pugna por suceder a Casado, “Ayuso vai ganando por goleada”. “Máis lle valería centrarse na derrota do virus e en saír dunha crise que ten consecuencias devastadoras”, alegou.

Neste sentido, Pontón pídelle a Feixóo que canalice esa “belixerancia” contra o Bloque cara a defensa dos intereses de Galiza, belixerancia que contrasta, indicou, coa “debilidade” que mostra á hora de defender os intereses do País, como se comprobou na reunión co ministro de Fomento.

Complicidade na discriminación

Un encontro no que o xefe do Executivo pasou de criticar durante meses por terra, mar e aire o acordo do BNG co PSOE para rebaixar as peaxes da AP9 a asumir como normal que os galegos e as galegas teñan que esperar cando menos até xullo para beneficiarse das rebaixas pactadas nese acordo.

Ou a complicidade do presidente da Xunta ante unha nova discriminación, neste caso negándolle ao Porto da Coruña o que o valenciano ministro de Fomento si lle concedeu ao Porto de Valencia. “Por que o Goberno do Estado pode condonar a débeda do Porto de Valencia, -300 M€-, e non busca unha fórmula para facer o mesmo co Porto da Coruña? E todo man a man cun Feixóo convertido en cómplice dese agravio en lugar de reclamar un trato xusto para Galiza”, denunciou Pontón.

Inmunidade do 70% en agosto?

“Pedímoslle que, por unha vez, exerza como presidente, que sexa parte da solución porque hai moito en xogo: a recuperación económica e social, o reparto dos fondos europeos, frear a desertización industrial, reforzar a sanidade pública ou dotarnos dun novo modelo de atención ás persoas maiores”, cuestións todas clave para o futuro e nas que o BNG está disposto a chegar a acordos a favor do País.

En relación á pandemia, Pontón pediu extremar a prudencia ante unha eventual desescalada, pois o importante é evitar unha cuarta onda que tería de novo un custe en vidas e sería outra volta de torca en materia económica e laboral. E insiste en que o xefe do Executivo debe explicar no Parlamento o proceso de vacinación e se mantén como viable o obxectivo de que Galiza teña ao 70% de poboación inmunizada en agosto.

Preguntada polo incidente machista no programa Land Rober da canle pública, a portavoz nacional considera ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, o “máximo responsable duns feitos moi graves” e, polo tanto, debe dimitir.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG